Coa exposición Mirarte. Luis Seoane a Fundación Luis Seoane pon en marcha un proxecto cuxo obxectivo é sacar á luz nun período de tres anos as obras máis relevantes da colección institucional a través dunha serie de exposicións centradas nos principales soportes empregados polo artista, como a pintura,o gravado ou o debuxo, desenvolvendo ao mesmo tempo un ambicioso programa didáctico dirixido a escolares de todas as idades, realizado por un equipo de historiadores de arte a partir do que, por vez primeira, a Fundación editará material pedagóxico específico en forma dun caderno-guía para docentes e un álbum para escolares. Na súa edición inaugural, o proxecto centraráse na obra pictórica de Seoane, comezando pola súa presentación como artista e a súa busca dunha linguaxe propia, para posteriormente analizar a súa madurez como pintor e diversas cuestións como a influencia dos movementos de vangarda na súa obra ou os temas e motivos recorrentes que aparecen nela, con especial atención ás homenaxes que o creador galego dedica a outros artistas como Léger, Goya ou Durero. En total, corenta e dous cadros que ofrecerán unha visión completa da súa pintura desde finais dos anos corenta ata a década dos setenta que incluirá as primeiras paisaxes realizadas na Arxentina, o estudo da figura feminina, os retratos, a experimentación coa abstracción, a denuncia política, os temas tradicionais galegos, etc. Luis Seoane. Mirarte estará nas salas da Fundación ao longo de todo este ano.
Artistas: Luis Seoane