Max. Hipnotopía

/
Comisarios Max

A exposición Max. Hipnotopía ofrece un percorrido polo traballo máis recente dun dos máis importantes ilustradores e debuxantes de cómic españois. A obra de Max é apreciada hoxe en día dentro e fora das nosas fronteiras, como demostran os seus traballos para The New Yorker Magazine ou The New York Maganize Review, por citar só dous exemplos destacados. O título da exposición fai referencia a dous vocábulos gregos, hypnos “sono” e topía “lugar”, o lugar do sono, e de feito, as ilustracións presentes na exposición posúen un marcado ton onírico e están cheas de curiosas referencias, como o debuxo que homenaxea ao célebre cadro de Johann Heinrich Füssli, ou os acenos á psicanálise, e mesmo, unha ilustración na que o artista nos fala dalgúns dos creadores cuxa obra admira, desde Osamu Tezuka e o seu Astro Boy, ata Chesterton, pasando por Buñuel, Robert Graves, Tardi, Picasso ou Durero… Sobre unha obra deste último, a famosa O cabaleiro, a morte e o demo, Max realiza unha serie de debuxos para ilustrar o libro Un perro en el grabado de Durero titulado El caballero, la muerte y el demonio, editado por Media Vaca con texto de Marco Deveni, presentes na mostra.

Hipnotopía recolle tamén varios exemplos do Max cartelista realizados para diferentes festivais de todo tipo, como o de jazz de Mallorca, ilustracións para diferentes publicacións como Babelia e unha selección de debuxos pertencentes ás súas últimas obras como artista de cómic, como os de El prolongado sueño del señor T -Premio ao Mellor Guión no Salón do Cómic de Barcelona- ou o seu famoso personaxe Bardín el Superrealista. Ademais, a exposición conta con exemplos dun dos traballos máis curiosos do artista, de carácter singular no noso país no que a difusión da filosofía se refire: as ilustracións da colección Filosofía para profanos, de Tàndem Edicions, unha serie de libros nos que a profesora de filosofía Maite Larrauri introduce o lector nos aspectos básicos da obra dos máis importantes filósofos do noso tempo, como Simone Weil, Friedrich Nietzsche ou Gilles Deleuze. A exposición poderá visitarse ata o vindeiro mes de setembro.

Artistas: Max

Exposicións actuais

Canción de Pedro Costa
/
Exposición
FFoco Festival de Fotografía da Coruña
/
Exposición