Maruxa Seoane: achegamento a María Elvira Fernández López

/
Comisarios Juan de la Colina

Maruxa Seoane: achegamento a María Elvira Fernández López é un proxecto expositivo que afonda na figura de María Elvira Fernández López (A Coruña, 24 de xaneiro de 1912 - 25 de marzo de 2003), Maruxa, compañeira inseparable de Luis Seoane, persoa chave na súa traxectoria que, tras o falecemento do artista en 1979, dedicaría a súa vida á recuperación e agrupamento do seu legado para Galicia, nun proceso que culminaría en 1996 coa creación da Fundación Luis Seoane na Coruña.

Comisariada polo artista e profesor de arte Juan de la Colina, a mostra nace do desexo de destacar e renderlle homenaxe á personalidade de Maruxa Seoane e, ao mesmo tempo, recoñecer e visibilizar o seu labor, reducido con frecuencia ao papel de 'muller de artista'. Para isto, a exposición reúne unha selección de óleos, fotografías, obra gráfica e documentación diversa, así como varias testemuñas, coa fin de elaborar o retrato dunha muller do seu tempo, que por vontade propia dedicou a súa vida a Luis Seoane participando da súa vocación de servizo á cultura galega.

Luis e Maruxa coñécense desde pequenos, xa que eran curmáns. A súa relación da comezo durante a súa adolescencia, e durará ata o falecemento do artista en 1979. Tras o estalido da Guerra Civil, Seoane parte para o exilio con destino á cidade de Bos Aires. Maruxa acompañaráo pouco tempo despois, tras casarse con él por poderes. Alí frecuentan a grupos de intelectuais galegos, españois, europeos e latinoamericanos. Maruxa leva a contabilidade, a axenda do artista, e exerce de interlocutora con galerías, museos e coleccionistas, encargándose do matemento de materiais, da montaxe dos lenzos de pequeno e mediano formato e da imprimación das teas. A partir de 1942, traballa como correctora de probas de todos os proxectos editoriais nos que intervén Luis, pasando a ser a súa colaboradora imprescindible e participando activamente nalgunhas das iniciativas máis importantes de Seoane no seu labor de dinamizador da cultura galega no exilio, como a revista Galicia Emigrante, editada no seu domicilio, á que contribúe con pequenos textos críticos e receitas de cociña, que tamén aparecerán na revista Correo Literario.

Comprometidos co proxecto do Laboratorio de Formas do Castro e Sargadelos desde 1964, a partir de 1967 alternan as estadías en Galicia e Bos Aires. Finalmente, en 1969 adquiren un piso na cidade da Coruña, con vistas a esa Torre de Hércules á que Luis Seoane lle dedicara unha das súas obras máis célebres, o álbum de debuxos Homenaje a la Torre de Hércules.

Tras o falecemento prematuro de Seoane en 1979, Maruxa emprende a tarefa de reunir a obra do artista para construír un legado que puidese trascender na súa terra. En 1996, grazas ao seu esforzo, creáse a Fundación Luis Seoane, que se establecerá provisionalmente na rúa de Durán Loriga da Coruña. En marzo de 2003, Maruxa falece, e tres meses despois, a Fundación trasládase á súa sede actual no antigo Cuartel de Macanaz, un edificio rehabilitado polos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco situado na Cidade Vella da Coruña.

A exposición incluirá material pouco coñecido ou inédito relacionado coa figura de Maruxa Seoane, como cartas, libros e outros documentos, ademais de óleos e debuxos orixinais de Luis Seoane dedicados ou inspirados nela, así como un documental realizado específicamente para a ocasión polo comisario da mostra, Juan de la Colina.

En paralelo á exposición, a Fundación Luis Seoane acollerá un ciclo de conferencias e mesas redondas sobre Maruxa Seoane e as grandes mulleres da súa contorna. Ademais, o músico Pao Durán interpretará, nunha sesión específica, a banda sonora da película documental, realizada para a ocasión coa voz de Maruxa.

Nota_prensa

[A exposición Maruxa Seoane: achegamento a Mª Elvira Fernández López poderá visitarse na Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela entre o 9 de xullo e o 20 de setembro de 2020]

Exposicións actuais

Órbita galega
Exposición sección Galicia. INTERSECCIÓN
/
Exposición
FFoco. Festival de Fotografía da Coruña
/
Exposición