Mar aberto

/

A obra fotográfica de Vari Caramés (Ferrol, 1953) establece unha comunicación entre a ollada do fotógrafo e a do espectador a través da suspensión temporal dun instante e dunha atmósfera tenues que destacan elementos que nun principio posúen un carácter máis ben secundario, pero que conforman finalmente un universo espazo-temporal no que repousan obxectos e seres que apelan aos aspectos máis profundos e persoais daqueles que contemplan as súas imaxes. As fotografías que conforman Mar aberto, realizadas polo fotógrafo no cárcere de Teixeiro e no CAPD de Sarria, conseguen introducir ao espectador de maneira extremadamente respectuosa nun mundo lonxano e descoñecido a través dos detalles, de pequenos instantes de múltiples e diferentes historias que xurden a través da cámara revelando os puntos comúns entre dous mundos diferentes.

Xunto á mostra, a Fundación Luis Seoane expón unha serie de imaxes históricas do sanatorio de Conxo, entre as que se inclue o Album de Conjo. Editado en 1907, o álbum recolle vistas do edificio e das actividades deste centro psiquiátrico de Santiago de Compostela, unhas imaxes nas que se aprecia a distribución do edificio, tanto en función dos seus usos como da separación por clases sociais. As fotografías que integran o álbum documentan o concepto decimonónico e o imaxinario da asistencia ás persoas con problemas psiquiátricos, amosando unha forma de entender a psiquiatría, da práctica médica asociada ás disfuncións psíquicas, das fronteiras do aceptable e normativizado e da exclusión e reclusión que padecían algúns colectivos e persoas.

Ambas exposicións forman parte do proxecto multidisciplinar Encontro: Artes pola Integración, cuxo propósito é establecer un diálogo con diferentes organizacións, institucións e persoas coa fin de promover un maior coñecemento da realidade de individuos e colectivos recluidos en centros de internamento, hospitais psiquiátricos, centro penitenciarios e outros espazos similares. Estas propostas desenvolveránse en diferentes centros culturais da cidade: o Centro Coreográfico Galego, o Centro Ágora, o Teatro Rosalía de Castro, a Fundación Luis Seoane, o CGAI e a Sala de Exposicións Salvador de Madariaga.

Artistas: Vari Caramés

Exposicións actuais

A táctica do colibrí
Activismos educativos na defensa dos dereitos humanos
/
Exposición