Con motivo da celebración do centenario do nacemento de María Casares (A Coruña, 1922 – Alloue, Francia, 1996), a Fundación Luis Seoane presenta un proxecto audiovisual baseado na correspondencia que durante quince anos mantivo a actriz galega con Albert Camus. A relación que se establece entre ambos, que comeza en 1944 e finaliza en 1960 coa morte do autor nun accidente de tráfico, queda recollida nas preto de novecentas cartas que conforman o epistolario recompilado por Catherine Camus, filla do escritor francés e responsable da súa publicación en 2017 a través da editorial Gallimard.
... ma patrie, mon Finistère. Fragmentos da correspondencia Camus – Casares concibiuse como unha experiencia audiovisual inmersiva na que o formato epistolar traduciuse a imaxes tomadas nalgúns dos lugares nos que María Casares viviu, sobre as que se superpoñen as voces dos actores Johanna Silberstein e Philippe Canales, que len en orde cronolóxica as cartas conforme ás catro categorías establecidas polos comisarios do proxecto, Tono Mejuto e Silvia Longueira : patria, exilio, teatro e escritura e desexo.
Estas imaxes proxéctanse nunha sala sobre dúas pantallas situadas en paredes enfrontadas, nas que se amosan escenarios de Alloue, onde se atopa a casa museo de María Casares, ou Camaret, no Finistère francés, que tanto lle lembraba á intérprete a súa Galicia natal. A peza exhíbese en bucle, e ten unha duración aproximada de 45 minutos.