Luz instantánea Fotografías, itinerarios y saudades de Andrei Tarkovski

/
Comisarios Alberto Ruiz de Samaniego

Andrei Tarkovski (1932-1986) é recoñecido na actualidade, xunto a Sergéi Eisenstein, coma o cineasta ruso máis importante de todos os tempos. Aínda que a súa película máis coñecida segue a ser, probablemente, a adaptación en 1972 de Solaris, a célebre novela de Stanislaw Lem, a súa filmografía ten un significado moito máis profundo, e é entendida hoxe en día coma unha reflexión constante e coherente sobre a relación entre tempo e imaxe.

Luz instantánea amosa 80 fotografías polaroid tomadas por Andrei Tarkovski nas cercanías da súa dacha rusa e en diversas localizacións italianas entre 1979 e 1984, época na que o cineasta se atopaba inmerso na realización da súa primeira película rodada no estranxeiro, Nostalxia. Ésta é unha circunstancia que se reflicte nas propias instantáneas, xa que nelas podemos distinguir toda unha serie de minuciosos ensaios acerca dos encadres, motivos ou mesmo tonalidades cromáticas que finalmente formarán parte do seu penúltimo film.

Porén, o que converte a estas fotografías en documentos excepcionais é a súa dimensión autobiográfica. Desde este punto de vista e baixo a intensidade contida nestes bosquexos instantáneos, descubrimos unha serie de inestimables documentos que testemuñan a preocupación do autor por desentramar o misterio de toda imaxe -en especial a do propio fogar -e o sentido da súa propia saudade, presente en toda a súa obra.

Luz instantánea inclúe ademáis un debuxo de gran formato realizado por Andrei Tarkovski, nunca antes exposto, así coma un ciclo de documentais, realizado grazas á colaboración do festival de cine documental Punto de Vista de Pamplona, e unha instalación audiovisual. Asi mesmo, o espazo Mirador Sonoro da Fundación Luis Seoane ofrecerá ata o peche da mostra unha selección da música que o realizador ruso incluiu nas súas películas.

Artistas: Andrei Tarkovski

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición