Luis Seoane [pechada temporalmente por cambio de exposición]

/
Sala de exposiciones de la primera planta

Pintor, gravador, debuxante, editor, deseñador gráfico, divulgador cultural… As múltiples facetas nas que sobresaiu Luis Seoane xunto coa riqueza e magnitude da súa obra, fan que resulte prácticamente imposible amosar nun único espazo a totalidade do legado que desde 1996 custodia a Fundación que leva o seu nome. Ao longo de todos estes anos, o traballo de Luis Seoane foi exposto en diferentes ocasións tanto na súa Fundación como en distintos centros de arte e museos como o IVAM de Valencia, o CGAC Centro Galego de Arte Contemporánea, o MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo ou a Fundación Eugenio Granell, e formado parte de múltiples exposicións colectivas relacionadas coas Vangardas Históricas en Galicia e España e coa actividade cultural no exilio na Universidade de Zaragoza, o Museo de Belas Artes da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, o Museo Picasso de Málaga, etc. Todos estes proxectos expositivos serviron en maior ou menor medida para cumplir cun dobre obxectivo: respectar, por un lado, o desexo de Luis Seoane de que a súa obra fose accesible a un público o máis amplo posible, como vía para divulgar a cultura e a arte de Galicia, e por outro, levar a cabo un dos fins para os que foi creada a Fundación Luis Seoane, que non é outro que difundir o universo creativo dun artista irrepetible.

A exposición permanente reúne unha estudada selección dos fondos institucionais na que cada peza supón un exemplo destacado dos temas, técnicas, formatos e disciplinas cos que Seoane deu forma ao seu universo creativo. De clara vocación didáctica, esta mostra concibiuse pensando tanto no espectador que xa coñece e admira a obra do artista, ofrecéndolle a oportunidade de reencontrarse con obras como o magnífico retrato que Seoane realiza en 1949 do actor británico Robert Atkins, caracterizado como Calibán na Tempestade de William Shakespeare, durante a súa estadía en Londres; como naqueles que aínda identifican a Seoane exclusivamente como pintor e gravador, e descoñecen outras facetas da súa produción, como os tapices, o deseño editorial ou o seu labor como muralista.

A mostra posúe pezas únicas, como un pequeno manual de dereito que o estudante Seoane encheu cos seus primeiros debuxos, alá por 1932; o célebre álbum de debuxos Homenaje a la Torre de Hércules, elixido polo American Institute of Graphic Arts de Nova York e a Pierpoint Morgan Library como un dos dez mellores libros ilustrados da década 1935-1945, xunto á Histoire Naturelle de Buffon ilustrada por Pablo Picasso; o bosquexo para a realización do mural El Nacimiento del Teatro Argentino do teatro General San Martín de Bos Aires; as paisaxes da Precordilleira Arxentina, as mariñas, a experimentación abstracta… Obras nas que é posible rastrexar eses temas e obsesións que son xa característicos da súa produción: a reivindicación das xentes do mar e do campo, o Románico en Galicia, a arte popular e as tradicións galegas, a presenza da muller, a integración das artes, a loita por reivindicar unha arte nacional integrada nas correntes das Vangardas europeas, a Bauhaus…

Por último, a exposición concede especial protagonismo ao labor editorial de Seoane a través dunha serie de exemplos que ocupan o espazo central da mostra, ao redor dos que se dispoñen as demais obras. Nas vitrinas centrais o espectador atópase co nacemento, evolución e consagración dun deseñador que hoxe se revela dunha modernidade sorprendente, que plasma nas cubertas dos volumes a súa propia evolución como artista, desde a sinxeleza e delicadeza dos primeiros debuxos feitos para a editorial Nova ou a colección Buen Aire, pasando pola explosión de cores e a coexistencia de motivos figurativos e abstractos que son a marca da editorial Botella al Mar, ata a traslación da abstracción ás portadas esquemáticas de Citania.

Exposicións actuais

Órbita galega
Exposición sección Galicia. INTERSECCIÓN
/
Exposición
FFoco. Festival de Fotografía da Coruña
/
Exposición