Luis Seoane. Murais

/
Comisarios Silvia Longueira, Carmela Montero

A obra mural de Luis Seoane constitúe unha parte esencial da súa produción, non só pola calidade artística e a beleza das pezas realizadas polo artista en edificios públicos e particulares ao longo de dúas décadas, senon polo papel fundamental que a práctica do muralismo supuxo na evolución posterior da súa pintura. Descoñecidos por unha parte importante do público debido a súa ubicación, a inmensa maioría na cidade de Bos Aires, os murais de Seoane cobran vida nesta mostra a través dunha escolla de 62 bosquexos preparatorios que destacan pola singulariedade do seu formato e polo seu valor documental, xa que en moitos deles figuran anotacións do artista referentes á cor, dimensións e deseño dos proxectos; 75 fotografías de época que amosan ao pintor traballando nas obras e o acabado final dos murais, e 44 fotografías que documentan o estado actual dalgunhas desas pezas.

A finais dos anos corenta, Luis Seoane toma un camiño de dobre vía que o levará, por un lado, a traballar pola renovación da arte galega e a pola súa inclusión nas vangardas europeas, sen perder as súas raíces culturais e históricas; e por outro, a persistir no concepto da integración das artes, presente en toda a súa traxectoria. Seoane considera que a práctica artística, desde as súas orixes ata a Idade Media, constitúe unha simbiose entre arquitectura, escultura, pintura e demáis artes que se rompe a partir do Renacemento, dividíndose en diferentes disciplinas ata o século XX, momento no que a busca da integración das artes é recuperada por movementos como a Bauhaus ou De Stijl, e por artistas como Fernand Léger, El Lissitzky, Robert Delaunay ou Joaquín Torres-García, entre outros, como vía para transformar o conxunto da sociedade. O estudo por parte de Seoane das experiencias destes artistas, así como dos grandes muralistas mexicanos coma Siqueiros ou Rivera serán determinantes á hora de acometer os seus traballos murais. A práctica do muralismo permitirá ao artista galego ampliar os seus coñecementos e trasladados ao resto da súa produción, xa que a experimentación con novos materiais e a recuperación doutros en desuso, así como a aplicación de diferentes solucións a través do estudo do espazo e da cor, reflectiránse en toda a súa obra, especialmente a partir dos anos 60 coa introdución da abstracción na súa pintura.

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición