Luis Seoane, editor é unha exposición comisariada pola profesora da UDC María Antonia Pérez Rodríguez que aborda a historia de Nova, a primeira empresa editorial das moitas que fundaría Seoane durante o seu exilio en Bos Aires, neste caso xunto ao seu amigo e estreito colaborador Arturo Cuadrado en 1942.
Nova nacería o mesmo ano no que Seoane e Cuadrado abandonan Emecé Editores, co propósito inicial de se converter nun marco de difusión da cultura galega. Co tempo, ampliaría o seu campo de acción ás diferentes culturas hispanoamericanas, ás grandes figuras da literatura e a filosofía, e mesmo a temas científicos. A historia de Nova é unha viaxe a través do compromiso ideolóxico, o esforzo e o empeño dun grupo de exiliados por manter viva a actividade cultural existente en Galicia e en España anterior ao estalido da Guerra Civil, e unha oportunidade para coñecer de primeira man ao Seoane editor, tipógrafo, ilustrador e deseñador gráfico.
A exposición, ademáis de reunir os volumes publicados pola editorial, inclúe unha serie de óleos, debuxos e gravados de Luis Seoane que, xunto ao documental Editorial Nova: Seoane, editor no exilio, dirixido por Gonzalo Enríquez Veloso, permiten rastrexar a influencia que deixou na obra do artista galego o labor que desenvolvía en Nova.