Formando parte dos temas recurrentes na produción artística de Luis Seoane, o mar ocupa un lugar destacado dentro do imaxinario do creador galego non como un tella illado, senón coma unha constante que aparece nos comezos da súa traxectoria e que seguirá presente na súa obra ata a súa morte en 1979. A relación de Seoane co mar parte tanto de cuestións culturais como da reivindicación dunha arte popular e dunha plástica propias de Galicia, ademais de posuir fortes tintes autobiográficos. É precisamente esa relación a que protagoniza esta exposición, que reúne máis dunha vintena de obras en diferentes formatos e documentación diversa, un proxecto organizado co gallo da celebración na Coruña da segunda edición do Festival Mar de Mares, un encontro artístico, educativo e lúdico dedicado ao mar no que participan diferentes espazos culturais entre os que se atopa a Fundación Luis Seoane.
Xa no ano 1955, nun artigo publicado na revista Galicia Emigrante, Luis Seoane se refería a “(…) esa mar que é pros galegos ao mesmo tempo a liberdade, a cadea, o refuxio ou a súa campa… “. O mar é un dos motivos artísticos empregados polo artista, ao que relaciona con moitos outros temas fundamentais da súa obra, como a arte popular, a visión mítica da historia de Galicia, a presenza da muller ou os traballos dos mariñeiros, que xunto cos labores do campo forman parte da visibilización e dignificación dese mundo que aparece repetidas veces na súa produción, como no estudo para o mural Las Barcas, na xilografía Mulleres campesiñas no mercado ou no álbum De mar a mar, todos eles incluidos na mostra. Tamén está profundamente relacionado coa emigración: Luis Seoane ten só ten cinco anos a primeira vez que atraviesa o Atlántico en compañía da súa familia, unha travesía que se verá obrigado a realizar de novo co estalido da Guerra Civil, e que repetirá varias veces ao longo da súa vida, o que lle producirá un sentimento de desarraigamento e a convicción de ser vítima dunha inxustiza, circunstancias que lle farán empatizar cos miles de compatriotas que non teñen máis remedio que abandonar o seu país, como os protagonistas de Fardel de esilado, un álbum de debuxos realizado polo artista en 1950.
As obras presentes na exposición conceden ao mar un protagonismo rotundo, como no caso de Mar bravo, óleo de 1964; da xilografía incluida no almanaque do Centro Editor de América Latina ou do naufraxio que aparece en Imágenes de Galicia, pero tamén se refiren a él indirectamente, de maneira subtil, a través dos debuxos que o artista realiza dunha estrela de mar, dunha centola ou dun pez abisal, ou desa serea que recorda a aquela que se convertiría na marca tipográfica da colección Mar Dulce, creada por Seoane en Bos Aires para a editorial Nova, cuxo nome demostraba, ao igual que o da editorial Botella al Mar, a importancia do mar no seu imaxinario persoal. Precisamente, a mostra inclue un debuxo que se empregaría como portada do libro de poemas Ferment, de William Shand, prologado por Jorge Luis Borges e que sería publicado por esta editorial en 1950.
Por último, é importante destacar a presenza da funda que deseña Seoane en 1970 para o disco que recompila dúas obras do seu amigo Rafael Alberti: Marinero en tierra e A la pintura. O poeta gaditano dedicaríalle un poema á pintura do artista galego no que describe o amor deste polo mar: “Un color finisterre, golpeado // Ojo que sueña el mar, // color mojado. (…) Y siempre, en tu paleta, // una nostalgia quieta // ¡Y el mar!”