Luis Seoane. A configuración do posible

/
Comisarios Alberto Ruiz de Samaniego

Con motivo da celebración dos 100 anos do nacemento de Luis Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979), a Fundación Luis Seoane e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales SECC organizan unha exposición cuxo obxectivo é ofrecer unha visión o máis ampla posible do labor do artista galego a través dunha revisión dos fondos da colección institucional. Pintor, ilustrador, escritor, deseñador, editor e difusor da cultura galega no exilio, Seoane soubo manter ao longo de toda a súa existencia unha coherencia ideolóxica e estética que fixo da súa figura e do seu labor un dos eixos da cultura galega do século XX, deixando tras de sí un inmenso legado artístico do que esta mostra ofrece unha pequena panorámica a través de sete seccións que analizan as diferentes etapas e influencias da súa obra. Trazos e figuras amosa un conxunto de pezas nas que destaca a pegada das Vangardas Históricas; Guerra, capitalismo, exilio e emigración afonda no compromiso político do artista; Paisaxes e realidades elementais agrupa a obra paisaxística e os bodegóns; Ensoñacións e mundos míticos explora a sublimación mítica da identidade galega; Bestas inventadas reúne unha selección dos bestiarios realizados por Seoane na década dos setenta; Deseño, creación, ilustración: literatura céntrase no seu labor como deseñador gráfico e editor e, pechando o percorrido expositivo, Autorretratos, que amosa obras nas que o propio creador é o obxecto da análise pictórica. Luis Seoane. A configuración do posible inclúe así mesmo un apartado documental con exemplos do traballo do artista como editor, así como unha escolla das súas publicacións, ademais dunha instalación na que se recupera unha entrevista radiofónica na que Seoane fala de aspectos da súa vida e da súa obra, e un apartado cronofotográfico destacando os momentos chave da súa traxectoria vital e do seu traballo. Pechando a mostra, proxectarase un documental realizado por José Manuel Mouriño producido expresamente pola Fundación Luis Seoane para comemorar a efeméride.

Artistas: Luis Seoane

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición
A táctica do colibrí
Activismos educativos na defensa dos dereitos humanos
/
Exposición