Javier Codesal. El Ogro

/

El ogro é a instalación creada polo artista Javier Codesal para a Fundación Luis Seoane producida no marco do festival Atlantic Pride. Carlos Copertone é comisario da exposición e editor do libro de artista de igual nome publicado por Caniche Editorial.

No centro da instalación proxéctase un vídeo onde se suceden cinco frases —de Marcel Broodthaers, Manuel Olveira, Meret Oppenheim, o profeta Jeremías e o propio Codesal— que aparecen debuxadas e expresan unha busca, na necesidade de saber, unha interrogación sobre o desexo e a sacudida da atracción, e mesmo un xúbilo arqueolóxico nos alicerces das ruinas provocadas por tal sacudida; pero tamén ilustran unha mirada paciente e curiosa cara a convulsión do amor, a sexualidade, a violencia ou a tenrura implícitas na ambigua poética da relación sexual.

As paredes da sala están pintadas coas bandas da bandeira LGTBI interpretada en escala de grises, tomando como base a bandeira proposta polo artista Pepe Miralles e os participantes na investigación Efecto de una fuerza aplicada bruscamente (IVAM, 2018-2019), que engadiron ás cores convencionais unha franxa negra en memoria das víctimas do sida e para representar ás persoas seropositivas.

Javier Codesal (Sabiñánigo, Huesca, 1958) é artista visual e poeta. Entre outros temas, tratou o corporal como lugar de diferenza, asento do erotismo e o goce, pero tamén da fraxilidade, a enfermidade e a morte, tal como se aprecia na serie DÍAS de SIDA (1989-1996) ou o libro de poemas Feliz Humo (Periférica, 2009). O MUSAC amosou en 2015 unha antoloxía da súa obra titulada Ponte el cuerpo; en 2009, La Virreina Centre de la Imatge dedicoulle outra retrospectiva baixo o título Dentro y fuera de nosotros; e, en 1999, expuxo no Espacio Uno do Museo Reina Sofía. O seu último poemario publicado é Un eclipse no se elige (Amargord, 2018).

Exposicións actuais

Fernando Blanco. Paisaxe, conciencia, fábrica
/
Exposición