O mesmo que en edicións precedentes, INTERSECCIÓN Festival Internacional de Cine da Coruña aposta de novo pola fusión das artes incluíndo na súa programación dúas propostas expositivas a través das seccións Órbita Galega e Fulgor. A primeira reune traballos en varios formatos que recollen distintas maneiras de amosar a realidade desde o exercício da creación audiovisual. A través da fusión de diferentes linguaxes e, sobre todo, da fascinación pola imaxe en movemento, María X. Fernández, Area Erina, Xosé Luis Otero, Jesu Moratiel e Pablo Agma abren vías de observación dos procesos que atravesan a realidade cotiá.
Pola súa parte, Fulgor presenta outras maneiras de mirar, construír e habitar a imaxe a través de obras que cuestionan a súa capacidade á hora de representar a realidade de xeito estable, converténdoa nun espazo de experiencia, transformación e comunicación co espectador. A tensión entre materia e representación de O metabolismo da paisaxe de Carla Agustiño Soto, as fotografías intervidas de Lo que el aire recuerda de Carlota Flora, a imaxe translúcida das pantallas de Mirar el agua de Cristina Souto Pita e a confrontación entre vixilancia e observación desde a intimidade en De vigilante a vigía de Sara Ricoy Rajoy conforman unha proposta que amosa a diversidade de rexistros desta catro novas voces.