A interpretaçao dos sonhos Fotografías de Jorge Molder

/
Comisarios Leonor Nazaré

A interpretaçao dos sonhos é o título dunha das tres series de fotografías de Jorge Molder que, xunto a O pequeno mundo e Nao me ten que contar o que seja for, conforman a mostra que acollerá a Fundación Luis Seoane ata o vindeiro mes de outubro, na que constituirá a súa única escala no noso país, tras inaugurarse no ano 2009 na Fundaçao Calouste Gulbenkian de Lisboa, e viaxar á sede que a institución ten en París no ano 2010. A través dun total de 77 fotografías, o espectador mergúllase no universo dun artista que utiliza o autorretrato como instrumento co que experimentar coa idea de representación, de identidade, de duplicidade e de ficción, ademáis de reflectir na súa obra os distintos aspectos da filosofía, do cine, da literatura e da psicoanálise que son foco do seu interese.

A exposición ábrese con O pequeno mundo (2004), un proxecto co que Molder nos traslada a unha oficina ficticia na que se autorretrata como un individuo illado nunha contorna austera e hostil. De seguido, o espectador adéntrase nas influencias cinematográficas do artista a través da serie Nao me tem que contar seja o que for (2006-2007), na que atopará referencias á obra de David Lynch, de Hitchcock, de Alan Resnais, de Tod Browning… Por último, a serie A interpretaçao dos sonhos (2009), que da título á mostra, remite directamente á obra de Sigmund Freud e ao mundo onírico de Molder, enfrontando ao espectador coa noción de mortalidade, de azar, do sentimento de indefensión e da alteridade do suxeito.

Artistas: Jorge Molder

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición
A táctica do colibrí
Activismos educativos na defensa dos dereitos humanos
/
Exposición