Ademais dun dos recursos temáticos habituais na de Luis Seoane, a figura do guerreiro é tamén soporte das súas posicións intelectuais e plásticas, con máis o menos intencionalidade segundo as obras. O que pode semellar unha simple recreación das loitas medievais galegas ou da Antigüidade, é en realidade unha referencia á necesidade de basearse no pasado para acadar a resolución xusta do presente. Como intelectual da Galicia do século XX comprometido cos ideais de xustiza e liberdade, Seoane serviuse desde o exilio da súa posición como divulgador cultural para axitar conciencias
A través dunha escolla de gravados, témperas e óleos, Seoane convértenos en testemuñas das loitas dos homes, do seu espíritu belicoso, dos referentes mitolóxicos e dos valores do guerreiro; é dicir, da disposición do individuo para acadar a victoria nun escenario de violencia física, e reivindicala despois de ter pasado por un baruto pacificador, para conseguir a victoria dos desterrados, dos illados, dos perxudicados pola pobreza, pola inxustiza e o esquecemento. Como di o seu poema Desterrados: “O home non pode camiñar soio sen perecer”. O triunfo do guerreiro estampado por Seoane é o triunfo colectivo do Home.
A exposición amosa tamén o álbum de gravados Doce Cabezas, editado pola Galería Bonino de Bos Aires en 1958 nunha serie limitada de 70 exemplares. O gravado é unha técnica moi querida por Seoane, xa que comunica ao artista co pobo dado o seu carácter popular. A este carácter popular fai referencia o artista no limiar da edición do álbum, referíndose ás orixes dunha técnica presente dende fai miles de anos na historia da humanidade, non só como manifestación artística, senon como medio de expresión básico, anterior incluso á escritura. Seoane emprende unha viaxe pola historia do gravado a través dun percorrido que vai desde as lápidas romanas ata os canteiros medievais, pasando polo advenimento da imprenta e a homenaxe a artistas que, como Goya ou Gauguin, levaron esta técnica ás súas máis altas cotas. Pero por riba de todo, Seoane destaca a súa condición de expresión popular, accesible a calquera que teña un buril, un cravo ou sinxelamente, unha man empapada en pigmento.