Guillermo Monroy. Aquí e agora é unha exposición ao redor da obra de Guillermo Monroy (Navia, Vigo, 1954 – Vigo, 1982), impulsor do grupo Atlántica e unha das figuras fundamentais para comprender a evolución da pintura do último terzo do século XX en Galicia e, por extensión, en España. A súa desaparición temperá aos 28 anos non impediu que deixase tras de si unha produción excepcional e coherente, fiel reflexo da súa busca permanente dunha linguaxe pictórica capaz de traducir a súa experiencia do mundo sensible aos límites xeométricos do cadro.
A vixencia desa linguaxe e a contemporaneidade da súa pintura son os piares sobre os que o comisario da exposición, o artista e crítico Ángel Cerviño, elaborou un proxecto que non deixa espazo para as especulacións acerca da posible evolución da obra de Monroy de non ter falecido prematuramente, unha reivindicación que queda recollida non título da mostra. Guillermo Monroy. Aquí e agora reúne unha selección de corenta obras procedentes na sua maior parte do legado familiar e de coleccións públicas e privadas de Galicia. Trátase da segunda gran exposición dedicada ao artista tras a celebrada na Casa das Artes de Vigo fai máis de tres décadas, en 1993.
Membro fundador de Atlántica, Monroy foi tamén o nexo entre o grupo vigués e o coruñés La Galga, dous puntos de inflexión na transición cara a modernidade da arte galega dos que xurdirían artistas como Antón Patiño, Menchu Lamas, Mon Vasco, Manuel Moldes, Ignacio Basallo, Correa Corredoira, Antón Lamazares, Xesús Vázquez ou Pepe Galán e outros moitos.
[Imaxe: Guillermo Monroy. Escriba II, 1982. Colección CGAC. Santiago de Compostela]