Entre os meses de novembro e xaneiro, a Fundación Luis Seoane acollerá as propostas de catro artistas locais seleccionados dentro da primeira convocatoria do Plan de Apoio á Creatividade Grupo Xerminal, unha iniciativa promovida pola Concellería de Culturas do Concello da Coruña que toma o seu nome do centro Germinal, unha entidade vinculada á cultura obreira, ao movemento libertario e á historia política e cultural da cidade que desenvolveu a súa actividade a comezos do século XX, cuxo obxectivo é apoiar diferentes manifestacións artísticas levadas a cabo por creadores residentes no municipio.
CILLAS SEYDE. Coruña escura. Do 21 de novembro ao 3 de decembro
Coruña escura é unha instalación site specific que proxecta unha imaxe real seguindo o principio da cámara escura. Esta fórmula consiste nun espazo pechado no que un pequeno buraco filtra a luz do exterior luminoso e reflicte a imaxe sobre a superficie do espazo. A través de materiais tan precarios e pobres como o papel e unha lente constrúese un fenómeno de inmersión visual e temporal. O espectador pode observar o “real” do exterior seguindo o fenómeno fundamental da óptica fotográfica: o movemento dos paseantes, do vento ou os cambios lumínicos maniféstanse como unha proxección da realidade presente. A imaxe invertida provoca unha nova percepción da realidade exterior como un mundo paralelo e simétrico, o limiar doutra dimensión. Este traballo pon en relevo a funcionalidade dos dispositivos como ferramentas de percepción, xunto coa nova capacidade de percibir o real a través do cinematográfico.
IRIA FAFIÁN. Irusu Ville. Do 6 ao 19 de decembro
Irusu é unha palabra xaponesa que define a situación na que unha persoa simula a súa ausencia cando alguén chama á porta. Irusu Ville é un lugar misterioso onde os visitantes se sitúan a ambos lados da porta, un punto de vista privilexiado desde o que poderán ver e escoitar case todo o que está a acontecer. A premisa desta proposta é ampliar os límites da ilustración mediante a creación de imaxes que traspasen o marco bidimensional, mergullando ao espectador na atmósfera misteriosa das escenas.
AMADOR LORENZO. Dique de abrigo. Do 20 de decembro ao 7 de xaneiro
Dique de abrigo é un proxecto interdisciplinar onde fotografía e son converxerán nun mesmo espazo expositivo, articulando un retrato visual e sonoro sobre o dique de abrigo da Coruña, presentado como se dunha pasarela se tratara, pero invertendo a súa lóxica espectacular: o que desfila non se mostra senón que contempla todo o que acontece ao seu redor. O dique é un espazo singular, porta de entrada marítima ao porto da Coruña, un dos motores da economía rexional e/ou metropolitana. Paseando ou sentado nun dos seus bancos e observando o tipo de buques que entran e saen, pódese facer un análise socioeconómico da cidade. A funcionalidade desta infraestrutura segue intacta, pero ao longo dos anos van mudando os seus usos. Hoxe é lugar de paseo, contemplación, lecer, pesca, reflexión, etc., un espazo ao que os habitantes da Coruña se achegan para abrigarse do seu acelerado día a día.
YELENA SMITH. Perno. Do 20 de decembro ao 7 de xaneiro
Nunha época sen espazo para a espera, as obras que se presentan permiten observar unha liña de tempo que debuxa a orixe, uso e transformación de produtos de consumo téxtil. Unha aproximación ao tratamento das partes como necesidades comúns fronte a actitudes compulsivas. A través da linguaxe plástica, proxéctase un uso consciente que reinterpreta elementos de forma
accesíbel ao espectador e outorga ás pezas un novo valor formal.
Artistas: Iria Fafián, Amador Lorenzo, Cillas Seyde e Yelena Smith