A exposición Frida Kahlo. La gran ocultadora reúne 53 retratos realizados entree 1909 e 1954 por prestixiosos fotógrafos e personaxes da contorna da artista mexicana. Este legado gráfico, propiedade do coleccionista norteamericano Spencer Throckmorton, amosa a traxectoria vital e a evolución iconográfica dun dos mitos máis recoñecibles do século XX. A colección de retratos de Frida é un verdadeiro catálogo de fotografía do século XX; nela están representados Edward Weston, Imogen Cunningham, Manuel Álvarez Bravo, Martin Munkacsi, Gisèle Freund, Bernard Silberstein, Fritz Henle e Nicolás Muray, entre outros. Os máis achegados souberon captar a Frida na intimidade do seu fogar e desprovista de fachadas, sendo estes os retratos os máis orixinais precisamente pola súa sinxeleza. As imaxes tecen un fío narrativo que abrangue toda a vida da artista mexicana, desde a súa nenez ata o seu leito de morte. Neste percorrido vital, marcado pola súa relación co pintor Diego Rivera, Frida Kahlo crúzase con multitude de artistas, intelectuais e fotógrafos que nutrirían a súa existencia, dotándoa dun carácter cosmopolita latente neste legado gráfico. A exposición poderá visitarse nas salas da Fundación Luis Seoane ata o final do mes de marzo.
Artistas: Lola Álvarez Bravo, Manuel Álvarez Bravo, Florence Arquin, Lucienne Bloch, Imogen Cunningham, Gisèle Freund, Héctor García, Juan Guzmán, Fritz Henle, Antonio Kahlo, Guillermo Kahlo, Bernice Kolko, Leo Matiz, Martin Munkacsi, Nickolas Muray, Emmy Lou Packard, Víctor Reyes, Diego Rivera, Bernard Silberstein, Carl van Vechten e Edward Weston