Francisco Mantecón. Paixón e cálculo é unha exposición coproducida polo MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo e a Fundación Luis Seoane, centrada na etapa de madurez do artista e deseñador Francisco Mantecón (Vigo, 1948-2001), un período que abrangue as décadas do oitenta e noventa do pasado século, a través de medio centenar de obras cedidas para a ocasión por diferentes institucións e coleccionistas particulares. Tras o seu paso polo MARCO a comezos do presente ano, o proxecto expositivo reestrutúrase agora para adaptarse ás salas da Fundación Luis Seoane, para o que os comisarios da mostra, o artista plástico Ángel Cerviño e o crítico de arte Alberto González-Alegre, incluíron nesta nova montaxe unha parte dedicada ao labor creativo do artista no eido do deseño gráfico e aplicado, con especial atención ao deseño bibliográfico. Nesta sección, os deseños do creador vigués establecerán un diálogo cunha selección de traballos de Luis Seoane pertencentes á colección institucional, na que non faltarán varios dos seus carteis e exemplos destacados da súa producción editorial.
Francisco Mantecón abandonou moi cedo a figuración para abrazar o espazo e decantarse por un tipo de abstracción constructivista, dentro dun rigor estudado no que introduciu leves licencias gráficas, máis espontáneas, restando hermetismo á súa pintura. Ademais de estar presente en exposicións referenciais da historia da arte galega como Atlántica, o espírito perfeccionista de Mantecón levaráo ao deseño gráfico, realizando traballos para as principais editoriais galegas como Galaxia, Xerais ou Sotelo Blanco, entre outras. A exposición concibiuse como unha dobre vía, expositiva e editorial, polo que, co gallo da celebración da mostra, a Editorial Galaxia publicará un libro con textos de varios autores sobre a figura e a traxectoria do artista, imaxes das súas obras, e unha selección de citas extraídas de entrevistas en prensa entre os anos 1976 e 1994.