Na súa novena edición, o Festival de Fotografía da Coruña regresa á Fundación Luis Seoane cun programa expositivo que explora os fluxos migratorios no contexto actual, dende unha perspectiva intercultural.
Consolidado xa como a cita de referencia coa mellor fotografía documental contemporánea, este ano FFoco IX está protagonizado polos artistas visuais Felipe Romero Beltrán e Claudia Prechedes.
En Dialect, Felipe Romero Beltrán (Bogotá, Colombia, 1992) documenta a vida de nove mozos de orixe marroquí acollidos nun centro para migrantes en Sevilla, onde permanecen á espera de regularizar a súa situación administrativa. Ao longo de tres anos —tempo medio do proceso legal para obter un permiso de residencia—, o autor establece unha relación de confianza cos protagonistas, aos que retrata no seu día a día con sensibilidade e honestidade.
Pola súa banda, a fotógrafa brasileira Claudia Prechedes (São Paulo, 1980), residente na Coruña, presenta Pixaim, un ensaio documental que nace do íntimo e se expande cara ao colectivo: unha experiencia compartida de exploración, intercambio e resistencia.
Inspirado na transición capilar, este proxecto convértese nunha viaxe profunda pola identidade, a estética, o racismo estrutural e o sentimento de pertenza.