A fotografía documental de autores galegos e internacionais protagoniza unha vez máis a programación de FFoco. Festival de Fotografía da Coruña, que este ano celebra a súa oitava edición coa Fundación Luis Seoane de novo como sede principal. Nesta ocasión, a temática do certame cuestionará os procesos de desindustrialización e a maneira na que estes afectan a persoas e territorios, e amosará traballos realizados pola fotógrafa galega Bandia Ribeira e polo arxentino Sebastián Bruno, entre outros. Ambos autores realizaron un retrato da clase traballadora de Gales, afectada polo peche masivo de industrias locais e polas transformacións económicas e sociais provocadas polo desemprego e o empobrecemento da poboación.
Ao igual que en anteriores edicións, FFoco. Festival de Fotografía da Coruña contará con numerosas actividades de balde para públicos de todas as idades, incluíndo proxeccións e a súa xa célebre feira de fotolibros.
+ info: ffocofestival.gal