FARO HORIZONTAL/7 é unha instalación do artista Juan Lesta e o músico Marco Maril que recolle a través de sete canles de audio e video cinco momentos distintos dun punto do horizonte na costa de Galicia durante o luscofusco.
A peza, cuxa estrea absoluta ten lugar dentro da nova edición do festival RESIS, conxela eses momentos e modifica o espazo empregando formas xeométricas que distorsionan a liña do horizonte acompañadas por estruturas sonoras. A nivel escultórico, a obra representa a configuración dun faro desde o que é posible observar e xerar ao mesmo tempo a nosa propia perspectiva.
Os autores
O traballo máis recente do artista Juan Lesta está centrado na paisaxe e no diálogo entre a experimentación audiovisual e a música, e na intervención do espazo natural a través de instalacións lumínicas inmersivas.
Realizou videos musicais para artistas como Brian Eno ou Carlos Ordóñez, entre outros. A súa obra foi exposta en museos e centros culturais como o Centre Pompidou-Metz, o Heinz Nixdlorf MuseumsForum, o CGAC, Artium ou a Fundación Luis Seoane.
O seu traballo estivo presente en diferentes festivais, como o Experimental Superstars, o Short Movie Club Film Festival “Nefiltravanae Kino”, o FICBUEU e o Istanbul International Experimental Film Festival 2021. A súa traxectoria como membro de DSK foi obxecto dun foco en Intersección Festival de Arte Audiovisual Contemporánea da Coruña.
Ao longo de dúas décadas, Marco Maril publicou discos baixo distintos nomes (Marco Maril, Apenino, Dar Ful Ful…). Desde 2015 realiza ademais música para todo tipo de medios, marcas e institucións.
Como técnico de son e deseñador sonoro, traballou en multitude de proxectos a carón de creadores como Fon Cortizo, Lucía Estévez, Juan Lesta, Xisela Franco, Carme Nogueira, Iria Vázquez, etc.
En 2021 foi nomeado aos premios Mestre Mateo na categoría de mellor son pola película 9 Fugas.
Artistas: Juan Lesta e Marco Maril