La escultura en Fritz Lang

/
Comisarios Pablo Martínez Samper, Miguel Ángel Ramos, Alberto Ruíz de Samaniego

Fritz Lang (Viena, 1890-Los Angeles, 1976) no só é un dos millores e máis influintes directores da historia do cine, tamén é un dos maiores artistas do século XX. Lembrado sobre todo por obras coma Metrópolis ou o ciclo protagonizado polo Dr. Mabuse, a súa visión escura da natureza humana conseguiu introducirse no cine de ambos lados do Atlántico, sendo a súa primeira etapa alemana, co país inmerso nos tempos convulsos de posguerra, previos ao estalido da II Guerra Mundial, de carácter máis lírico; e unha segunda etapa, a americana, na que predomina unha visión cruel e descarnada do mundo que lle rodea.

A exposición que presenta agora a Fundación Luis Seoane céntrase no papel decisivo que a escultura xugou na obra de Lang a través dos diferentes aspectos que conformaron o cine da súa primeira etapa alemana, desde o deseño de decorados e personaxes ata os efectos especiais. A escolla de obra conta con pezas destacadas coma as correspondentes á súa película máis famosa, Metropolis (1927), que inclue unha maqueta do Moloch, unha reproducción da Mensch-Maschine e modelos en xeso das testas dos Sete Pecados Capitais e a Morte, cedidas para a ocasión pola Deutsche Kinemathek de Berlín. Tamén destacan catro esculturas da Slovenska Kinoteka, inéditas en España, realizadas polo cineasta ao redor de 1915 na súa etapa de estudante de artes plásticas.

A mostra complétase cunha gran selección de fotografías de gran formato, tanto das súas rodaxes como promocionais da época, proporcionadas pola Cinémathèque Française, institución á que tamén pertencen unha serie de debuxos orixinais con deseños de personaxes e efectos especiais, obra de artistas que colaboraban habitualmente co director vienés coma Walter Schulze-Mittendorf e Otto Hunte.

Exposicións actuais

Fernando Blanco. Paisaxe, conciencia, fábrica
/
Exposición