A exposición Do primitivo na arte galega ata Luis Seoane nace co propósito de contextualizar a arte galega da primeira metade do século XX desde un punto de vista temático e histórico, á vez que se analizan as influencias exteriores que propiciaron a súa modernización definitiva. A partir da procura dunhas características intrínsecas á arte galega coas que puidese ser dotada dunha identidade e orixinalidade propias, nace a idea do primitivismo como contraposición do concepto dunha sociedade eminentemente rural á emerxente cultura cidadá producida pola masiva migración do campo ás grandes urbes xurdidas tras a segunda revolución industrial. Artistas como Castelao, Urbano Lugrís e outros atoparán inspiración alén das nosas fronteiras na estética das estampas xaponesas, do movemento Prerrafaelita, do postimpresionismo ou do expresionismo alemán para aplicar os diferentes achados plásticos a temas galegos concretos como os levantamentos campesiños, os costumes rurais ou diversas cuestións de carácter político, entre outros. Do primitivo na arte galega ata Luis Seoane, comisariada polo profesor da UDC José Manuel López Vázquez, reúne preto de setenta obras de vinte e seis artistas galegos, moitas delas inéditas, nun esforzo por debullar as fontes temáticas e históricas do comezo da modernidade en Galicia.
Artistas: José María Acuña López, Fernando Álvarez de Sotomayor, Francisco Asorey, Imeldo Corral, Xesús Corredoyra, Manuel Colmeiro, Camilo Díaz Baliño, Xosé Eiroa, Antón Faílde, Cándido Fernández Mazas, Roberto González del Blanco, Laxeiro, Francisco Lloréns, Manuel López Garabal, Urbano Lugrís, Juan Luis, Emilio de Madariaga, Cristino Mallo, Carlos Maside, Vicente Risco, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Luis Seoane, Carlos Sobrino, Uxío Souto Campos, Arturo Souto Feijoo e Concha Vázquez