Coproducida pola Fundación Luis Seoane e o Museo de Arte Contemporánea de Vigo MARCO, a exposición Diáspora. 10 artistas galegos no exilio latinoamericano indaga na importancia da diáspora e do exilio no desenvolvemento da cultura en Galicia a través do estudo minucioso de dez destacados artistas galegos, nun proxecto que amosará obras pouco coñecidas ou inéditas dalgúns destes creadores, como Arturo Souto ou Manuel Colmeiro, que dan conta do seu compromiso social en tempos anteriores á proclamación da República ou ao estalido da Guerra Civil. O reflexo de tres momentos históricos diferentes -a preguerra, o conflito e a pegada americana- foron os criterios básicos empregados polo comisario da mostra, Carlos Bernárdez, para a selección das obras, un total de 72 pezas divididas en 47 óleos e debuxos, 23 fotografías, 2 esculturas e unha película, Galicia de Carlos Velo. Precisamente, a obra do cineasta galego será obxecto dun ciclo monográfico de proxeccións na Fundación Luis Seoane durante tres fins de semana consecutivos a partir do 18 de novembro, realizado en colaboración co Centro Galego das Artes da Imaxe. En paralelo á mostra, durante os meses de outubro e novembro terá lugar o I Foro Internacional sobre o Exilio “As Fronteiras do Exilio”, dirixido pola profesora da UDC Mª Antonia Pérez e o profesor da USC Ramón Villares, un encontro no que participarán case trinta poñentes que afondarán na historia da diáspora en Galicia e España e as súas consecuencias.
Artistas: Ángel Botello, Castelao, Manuel Colmeiro, Isaac Díaz Pardo, Eugenio Granell, Maruja Mallo, Luis Seoane, Arturo Souto, José Suárez e Carlos Velo