A exposición De par en par. Amores entre iguais reúne un conxunto de fotografías atopadas, o que se coñece no mundo anglosaxón como Found Photography, unha rama das artes visuais que consiste na recuperación de fotografías realizadas por persoas anónimas que nalgún momento pertenceron a unha colección familiar, conservadas en álbumes ou caixas, descubertas posteriormente en rastros, mercados de antigüidades ou tendas de vello, de onde foron rescatadas para a súa difusión a través de diferentes proxectos, exposicións, etc. Neste caso, trátase dunha proposta a medio camino entre o comisariado, o coleccionismo e o apropiacionismo artístico realizada polo artista, crítico e profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade de Pontevedra Xosé M. Buxán Bran, formada por instantáneas orixinais de época adquiridas ao longo de todo o mundo coas que se reconstrúe e recrea un corpus plástico e visual en forma dunha exposición e un fotolibro, este último de próxima publicación a cargo da editorial Fabulatorio.
As imaxes amosan a unha serie de parellas de mulleres, homes ou parellas travestidas das que se descoñecen os vínculos que as unían, reivindicadas neste caso desde unha ollada queer como expresión dos afectos entre semellantes e do amor igualitario. Con este proxecto faise referencia ademais ás figuras de Marcela e Elisa, dúas coruñesas pioneiras do matrimonio igualitario nos albores do século XX, ás que o Concello da Coruña, a Casa Museo Casares Quiroga e a Fundación Luis Seoane homenaxean con esta exposición, que estará aberta ao público nestas dúas institucións ata o vindeiro 30 de setembro.