Cultura na Coruña: entre a oficialidade e a resistencia (1939-1979) é unha exposición que trata de visibilizar a pegada do movemento asociativo nesta cidade durante o franquismo, desde os seus antecedentes.
A guerra civil arrombou calquera vestixio da riqueza asociativa herculina que, como na maior parte do Estado, vivira un tempo esplendoroso ata 1936. A ditadura puxo os medios para “evitar” calquera veleidade fora do marco político imposto polos vencedores. Na Coruña, especialmente, desenvolvérase un activismo cultural que prendera na sociedade local, con tradición, e se estendera a todas as capas xa desde comezos do século XX coa Universidade Popular, pasando logo polas acción das Irmandades da Fala e rematando coas dinámicas asociacións libertarias e outras agrupacións artísticas, ateneos, sociedades instrutivas e institucións culturais, mais os peculiares “apropositos”. O control e a intervención centralizada foi o obxectivo principal do franquismo no terreo da cultura desde 1939, ou, nalgún caso, a fagocitación ou absorción dalgunhas corporacións folclóricas por parte das institucións oficiais do réxime, con reitores de suficiente “adhesión” vixiantes. Mentres, o exercicio censor reprimía con saña a diversidade lingüística e cultural en todo o Estado, prohibindo o uso social das linguas que non fosen o castelán. En definitiva, un escenario de limpeza, depuración e control.
Esta mostra é un complemento do libro coral de recente publicación A cultura e o asociacionismo cívico na Coruña editado pola Fundación 10 de Marzo e a Concellería de Culturas do Concello da Coruña e inxerido dentro do proxecto Nos dominios da urxencia.