Tatiana Medal. Composición 1961

/

Tatiana Medal (A Coruña, 1971) presenta en Composición 1961 dúas obras diferentes: unha intervención site-specific situada na pequena galería da entrada da biblioteca da Fundación, e un libro de artista co que reinterpreta un dos seus traballos previos.

Na primeira, Medal transforma por completo a galería da biblioteca grazas á disposición sobre os seus cristais de enormes placas de policarbonato alveolar, un material translúcido composto por pequenas celas nas que a artista introduce líquido de diferentes cores. O título desta peza e da exposición baséanse nunha obra de Luis Seoane, Composición, unha vidreira de grandes dimensións realizada en 1961 para o vestíbulo do Teatro de la Sociedad Hebraica Argentina en Bos Aires, na que a luz e a cor tamén xogaban un papel fundamental.

Composición 1961 establece un vínculo a modo de limiar con KARTEN, un libro de artista de edición limitada co que Tatiana Medal fai referencia ao labor editorial de Luis Seoane. KARTEN nace dunha peza anterior, 106 KARTEN, composta orixinalmente por 106 pinturas montadas sobre aluminio. Partindo dos pregos dun atlas, a artista riscaba os topónimos, creando unha nova superficie na que a función gráfica dos mapas desaparecía por completo. O papel cubríase con segmentos lineais que xurdían como estrías aleatorias sobre as masas de cor, dando lugar a unha nova paisaxe, a unha nova orde e a unha nova e singular linguaxe dotada dun sentido completamente distinto, xerando ao mesmo tempo un novo espazo de luz e cor. Agora, KARTEN simplifica o seu nome e volve a transformarse en libro, nunha edición limitada de 100 exemplares nos que Tatiana Medal crea unha especie de mapa da imaxinación, convidando a quen se asome ás súas páxinas a modificar a súa mirada e percibir este exemplar desde o punto de vista pictórico, un volume do que se eliminou calquer rastro de grafía, convertíndoo nunha obra de arte na que se poden ler e reler cores, trazos e espazos.

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición