Correa Corredoira. Os días pintados

/
Comisarios David Barro

A pintura de Xabier Correa Corredoira (A Coruña, 1952) protagoniza a primeira gran exposición de 2017 na Fundación Luis Seoane a través dunha retrospectiva que, por vez primeira, abrangue a súa produción pictórica, o que permitirá amosar ao público preto dun centenar de obras dun artista fundamental para comprender o desenvolvemento da cultura e da arte en Galicia e, máis concretamente, na súa cidade natal.

O título da exposición, Correa Corredoira. Os días pintados, contén unha dobre referencia: por un lado, destaca o carácter autobiográfico da obra do artista, a través da que é posible rastrexar os acontecementos chave na súa vida, así como a evolución das súas principais influencias culturais; por outro, establece unha conexión coa exposición Correa Corredoira. Os días gravados, organizada pola Fundación Luis Seoane nos anos noventa. Naquel momento, ao igual que agora, a elección de Correa Corredoira para protagonizar unha mostra monográfica na Fundación non foi casual, xa que, como explica o comisario de Os días pintados, David Barro, “Correa Corredoira é un artista fundamental da arte galega das últimas décadas. O seu labor no colectivo A Galga, na galería Gruporzán ou en Atlántica é absolutamente chave para comprender a arte e a cultura desenvolvidos en Galicia”.

É por iso que, grazas a esta mostra, o espectador introduciráse non só no universo dun artista primordial na historia da arte galega da segunda metade do século XX, senón que, ademais, asistirá á evolución da súa traxectoria creativa. Na selección de obra realizada por David Barro e o propio Correa Corredoira, están presentes as súas imaxes e temas máis icónicos: a maternidade, o erotismo, os mitos clásicos, a viaxe que realiza a México no ano 1979, as paisaxes, o mar, as crufixións ou os seus célebres boxeadores.

Os días pintados descubre a obra dun creador libre e independente, dunha figuración pictórica que ten os seus alicerces na relación do corpo co espazo ou no dominio da cor, e que se nutre das moitas afinidades da vasta cultura do artista: Picasso, Nietzsche, Giacometti, Rembrandt, Bacon, García Lorca, Beckett, os mitos clásicos… En definitiva, a obra, nas palabras do crítico Xavier Seoane, dun “romántico en sentido estricto”, comprometido coa creación.

Exposicións actuais

Lois Patiño. Marea
/
Exposición
Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición