Como se imprime un libro Grafistas e impresores en Bos Aires 1936-1950

/
Comisarios David Carballal, Silvia Longueira Castro

Tomando como punto de partida o volume Cómo se imprime un libro, un fotolibro deseñado a principios da década dos 40 polo pintor e deseñador gráfico Attilio Rossi, que explicaba de maneira detallada os distintos procesos necesarios para a elaboración dun libro a través das imaxes dos fotógrafos Horacio Coppola e Grete Stern, a exposición Como se imprime un libro. Grafistas e impresores en Bos Aires 1936-1950 traza un itinerario sobre pezas chave da gráfica editorial arxentina durante a chamada ‘época dourada da edición’ amosando o traballo dos devanditos Attilio Rossi, Grete Stern e Horacio Coppola, e doutros destacados grafistas como Jakob Hermelin e Luis Seoane, así como do impresor Manuel López.

A exposición, comisariada polo deseñador David Carballal e pola directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira, propón un achegamento a todo aquilo que conforma o pequeno universo plástico do libro a través dunha montaxe que subliña os aspectos máis relevantes dos distintos elementos que o compoñen: o formato, a diagramación, os tipos de letra, as ilustracións, o deseño das cubertas e dos emblemas editorias, a impresión e a encadernación, etc. A selección de pezas, que inclúe preto de cen titulos, a maioría primeiras edicións, e na que están representadas máis de 12 editoriais e unha vintena de coleccións, réxese en función do seu valor como aportacións a esa obra colectiva, multiforme pero claramente identificable, que é o deseño editorial latinoamericano durante o pasado século, e que na década dos 40 experimenta o seu primeiro e máis forte impulso co nacemento de editoriais como Losada, Emecé, Espasa-Calpe Argentina ou Nova.

Exposicións actuais

A táctica do colibrí
Activismos educativos na defensa dos dereitos humanos
/
Exposición