Colmeiro. Cor e sentimento

/

Manuel Colmeiro (Chapa, Silleda, Pontevedra, 1901 – Salvaterra do Miño, 1999) foi un dos artistas galegos máis importantes do século XX. Para Carlos Maside, integrante xunto a él do Movemento Renovador da Arte Galega, Colmeiro foi o primeiro gran pintor de Galicia, un recoñecemento compartido por Luis Seoane, que vía nel a orixe dunha tradición pictórica propia.

Colmeiro. Cor e sentimento é un proxecto da Fundación Luis Seoane comisariado pola artista Mónica Alonso que analiza a importancia da cor na obra do pintor galego a través de case cen pezas, a maioría óleos, correspondentes a seis décadas de creación artística.

Para Manuel Colmeiro, a linguaxe elemental da pintura é a cor, non a forma. Esta formulación, xunto cunha serie de temas recorrentes, son as ferramentas que o artista utiliza para representar a Galicia, protagonista absoluta da súa obra. A exposición establece un percorrido a través dos seus azuis e verdes, básicos na súa pintura; dos amarelos e laranxas que emprega para a luz, para iluminar a roupa e para expresar emocións como a ledicia; dos vermellos, utilizados como contraste; dos marróns da terra, que atenúan a dureza dos grises e negros do rigor da existencia e do horror da guerra...

Alén da cor, a exposición transcorre a través de diferentes seccións que se deteñen nos motivos máis frecuentes na obra do pintor, como o bodegón, as maternidades ou as paisaxes; e noutras cuestións de especial interese, como a melancolía e a tristura que percorren o seu traballo ou a simbiose entre espazo interior e exterior.

Seoane e Colmeiro, punto de encontro
Para Seoane e Colmeiro, o muralismo ofrece unha nova linguaxe visual, universal e accesible para todo tipo de público. Esta sección reúne varios dos bosquexos que ambos artistas realizaron para a súa obra mural, xunto cunha selección de debuxos dos anos 30 que amosan a ruína e a desolación da guerra.

A exposición inclúe ademais dúas pezas audiovisuais realizadas expresamente para este proxecto: Código Colmeiro, dirixida por Alberte Branco e Adrián Canoura; e unha proxección sobre a intervención de Manuel Colmeiro no mural das Galerías Pacífico de Bos Aires.

Colmeiro. Cor e sentimento estará na Fundación Luis Seoane ata o vindeiro 17 de abril.

Nota_de_prensa.pdf

Exposicións actuais

Fernando Blanco. Paisaxe, conciencia, fábrica
/
Exposición