Breves episodios é unha exposición que conmemora o décimo aniversario da creación do Premio Internacional de Arte Fundación María José Jove, que se celebra este ano, a través dunha selección de obras de dez creadores novos e de dez artistas históricos, que poderían ser os seus referentes, os seus afíns, ou simplemente, os seus cómplices no xeito de mirar ou aprehender a realidade, nunha colaboración inédita entre a Fundación María José Jove e a Fundación Luis Seoane. Con esta exposición quérese recoñecer o esforzo dun premio que naceu no ano 2006 para apoiar a creación artística, e que co paso dos anos se converteu nunha convocatoria de referencia, como demostra o aumento exponencial de participación, que na súa última edición sobrepasou as 1.600 obras.
Os comisarios da mostra, Marta García-Fajardo, directora da Colección da Fundación María José Jove, e David Barro, director xerente da Fundación Luis Seoane, realizaron unha selección de dez artistas de entre os máis de trinta creadores que fóron premiados ou distinguidos nas diferentes edicións do Premio Fundación María José Jove ao longo destes dez anos, convidando de seguido a cada un deles a escoller unha peza pertencente á colección de arte da Fundación María José Jove, composta actualmente por case 600 pezas de arte galega, nacional e internacional. Así, os traballos de Almudena Lobera, Félix Fernández, Cristina Garrido, Miguel Ángel Tornero, Paloma Polo, Mar Vicente, Núria Güell, Vicente Blanco, Levi Orta e Juan López comunícanse coas obras de Juan Muñoz, Elmgreen & Dragset, Darío de Regoyos, Luis Gordillo, Maruja Mallo, Soledad Sevilla, Louise Bourgeois, Joan Miró, Wassily Kandisnky e Manolo Paz, nun percorrido diacrónico que afonda en conceptos como a análise do espazo pictórico, a relación entre arte e política, o estudo da paisaxe, a liña divisoria entre espazo e ficción, o concepto de representación, a abstracción, etc.
Breves episodios fai referencia a moitos temas e relacións, entre os que destacan a importancia de coleccionar, de deixar un legado, de contribuír ao desenvolvemento da arte e dos artistas. Porque unha colección está siempre en construción e non se visualiza rápidamente, é o tempo a que a define, como a arte, que precisa de perspectiva histórica.
Artistas: Vicente Blanco, Louise Bourgeois, Elmgreen & Dragset, Félix Fernández, Cristina Garrido, Luis Gordillo, Núria Güell, Wassily Kandisnky, Almudena Lobera, Juan López, Maruja Mallo, Joan Miró, Juan Muñoz, Levi Orta, Manolo Paz, Paloma Polo, Darío de Regoyos, Soledad Sevilla, Miguel Ángel Tornero e Mar Vicente