Bestiario, fóra a alma

/

Tomando como referencia o título dun conxunto de editoriais escritos por Luis Seoane para a revista Galicia Emigrante, a Fundación Luis Seoane expón xuntos, por vez primeira, os dous bestiarios do artista: Diez xilografías originales, de 1965, e Bestiario, de 1976. Xunto a eles, inclúense probas do álbum Insectario, de 1975, ademais dun apartado no que se recollen probas de imprenta do álbum Imágenes de Galicia, editado en 1978, así como gravados orixinais de Imaxens Celtas de 1977, e unha escolla da bibliografía utilizada como fonte documental polo creador galego, pertencente á súa biblioteca persoal. Preto de 72 obras que amplían a perspectiva sobre o proceso creativo do artista a través das probas dos gravados, e que amosan a súa enorme curiosidade, da que dan conta as fontes que empregou para mergullarse nunha temática e nun soporte que conseguen enraízar Galicia nunha época, a Idade Media, e nunha natureza de carácter primitivo, evocada constantemente como referencia esencial no desenvolvemento dunha contorna, dunha arquitectura, duns habitantes e, por riba de todo, dunha cultura propia.

A parte documental da mostra reúne obras pertencentes á biblioteca persoal de Luis Seoane, cedidas para a ocasión pola Real Academia Galega, obras adquiridas polo artista que son exemplo de erudición e que posúen un interese enorme, entre as que se atopan a Histoire naturelle de Max Ernst, editada en París en 1955, Massacres et autres dessins de André Masson, de 1971, un estudo sobre o Minotauro de Pablo Picasso editado en Alemania en 1963, un ensaio sobre Goya de André Malraux… De este último, inclúese tamén un catálogo que ilustra La pieuvre de Victor Hugo, ademais de auténticas xoias como as obras do historiador da arte Jurgis Baltrusaitis sobre a Idade Media ou o Gótico.

Artistas: Luis Seoane

Exposicións actuais

Lois Patiño. Marea
/
Exposición
Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición