Arquitectura escrita aborda un tema amplo e complexo como son as relacións entre arquitectura e literatura a través das construccións imaxinadas e pensadas por escritores ao longo de case 2.500 anos de historia, desde a Antigüidade ao Renacemento, pasando polo Barroco e o século das Luces, ata chegar a literatura contemporánea, sendo este último o período máis representado na exposición.
Comisariada por Juan Calatrava, profesor de Historia da Arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Granada e por Winfried Nerdinger, director do Architekturmuseum de Múnich, a exposición reune un conxunto de gravados e debuxos relacionados con obras literarias nas que a arquitectura ou o urbanismo xogan un papel destacado, así como unha serie de maquetas construídas expresamente para visualizar eses espazos textuais que existían nun principio só no papel. Deste xeito, na mostra atópanse representados proxectos que percorren temas e xéneros moi diversos, e que incluen textos sagrados, literatura fantástica, utopías e distopías, poesía, mística relixiosa, teatro, novelas e narracións dos séculos XVIII, XIX e XX (Goethe, Stendhal, Umberto Eco, Georges Perec, etc.)
Arquitectura escrita é un proxecto organizado polo Círculo de Bellas Artes de Madrid, Acción Cultural Española (AC/E), o Consorcio Parque das Ciencias de Granada, o Architekturmuseum TU München e a Fundación Luis Seoane.