Arequipa en blanco y negro. El estudio de arte de los hermanos Vargas. 1912-1930

/
Comisarios Adelma Benavente, Peter Yenne

A finais do século XIX e comezos do XX, a fotografía peruana viviu unha época de ouro. Na costa e a serra do país xurdiron grandes estudos, que deixaron un dos legados fotográficos máis importantes en América Latina. Esta eclosión artística concentrouse en tres cidades: Lima, Cuzco e Arequipa. Ata agora, a atención do público focalizouse en dúas coleccións: o Arquivo Courret en Lima e o Arquivo Chambi en Cuzco. A presente exposición está adicada ao tercer gran estudo fotográfico do Perú- o Estudio de Arte Vargas Hermanos en Arequipa.

O arquivo fotográfico de Carlos e Miguel Vargas está formado por preto de 10.000 imaxes, das que se expoñen agora 83, que rexistran a vida social, cultural e artística do Perú das primeiras décadas do século XX. Grazas ao proxecto dirixido por Peter Yenne e Adelma Benavente baixo o patrocinio da institución norteamericana Earthwatch, e co apoio dos herdeiros do arquivo, restauráronse as placas de vidro orixinais e catalogáronse as imaxes, confirmándose o legado dos Vargas como unha das coleccións máis importantes de Perú.

Arequipa en blanco y negro. El estudio de arte de los hermanos Vargas. 1912-1930 ficará preto de dous meses na sede de Fundación Luis Seoane de A Coruña, na súa única escala no noso país, tras o seu paso polo FotoFest en Houston e o Instituto de México en París. A Fundación Luis Seoane é tamén responsable do catálogo da mostra editado por Turner coa participación da propia Fundación e o MuVIM de Valencia, un volume que conta con textos dos comisarios da exposición, Peter Yenne e Adelma Benavente e do escritor Mario Vargas Llosa.

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición