Alberto Datas (1935-2007)

/
Comisarios Xavier Seoane

O pasado 11 de decembro de 2007 falecía o pintor Alberto Datas en Madrid á idade de 72 anos. Considerado coma un dos artistas galegos máis importantes da segunda metade do século XX, a súa obra discorre paralela ás correntes artísticas máis destacadas da súa época, sendo exemplo dun expresionismo abstracto herdeiro de creadores da talla de Kandisnky, Pollock ou Dubuffet, do que absorbeu un feísmo elaborado e consciente. A exposición que presentan agora a Fundación Luis Seoane e a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC), baixo a coordinación do Ministerio de Cultura, xestouse conxuntamente co pintor coruñés, co que a súa cidade natal pretende saldar unha débeda prolongada quizáis por demasiado tempo, un proxecto interrumpido tristemente polo pasamento do artista que agora se troca en fonda homenaxe e recoñecemento á súa traxectoria. A mostra estará formada por vintesete pinturas de gran formato nas que Datas recuperou a súa vertente máis expresiva, reflexando deste xeito un testemuño decisivo e unha visión completa da súa obra na súa derradeira etapa. Lenzos que, agás nalgún caso puntual, xamais foran expostos. Asi mesmo, o presente proxecto incluirá unha escolla dos seus gravados e debuxos, onde o artista amosa unha sorprendente sensualidade e unha gran frescura que conviven cun dominio técnico extraordinario. Comisariada polo escritor Xavier Seoane, Alberto Datas [1935-2007] conta tamén cun apartado documental no que se recollen documentos biográficos, académicos e de traballo e correspondencia persoal, conformando desta maneira unha visión global da vida e a obra dun creador imprescindible.

Artistas: Alberto Datas

Exposicións actuais

Victoria Gil. Coser el río
/
Exposición