Dez anos despois de abrir as súas portas cunha escolla de fondos da colección da Fundació “la Caixa”, a Fundación Luis Seoane acolle de novo unha exposición froito da colaboración entre dúas institucións dedicadas a preservar o patrimonio artístico contemporáneo no noso país: neste caso, trátase de amosar ao público preto de cen obras pertencentes á colección AENA de Arte Contemporánea, un proxecto que se realiza grazas á xenerosidade da Fundación AENA.
air_port_art reúne obras de artistas internacionais e nacionais, sendo maioritarios estos últimos, o que dota á exposición dun certo carácter documental no que se refire á evolución da arte en España durante a segunda metade do século XX, a través das series realizadas de José Manuel Broto, Miguel Ángel Campano, José María Sicilia, Susy Gómez, Darío Urzay, Daniel Canogar ou Antón Lamazares, quen, xunto a Manolo Paz e Antonio Murado, constitúe a representación galega da mostra. A escolla realizada pola comisaria da exposición, Ángeles Imaña, reúne pintura de principios da década dos noventa ata os nosos días, con obras de Miquel Barceló, Pedro Calapez, Luis Gordillo, Federico Herrero, Juan Navarro Baldeweg, Soledad Sevilla, Juan Uslé, Antón Lamazares e Roberto Matta, e fotografía de Chema Madoz, Daniel Canogar, Pablo Genovés, Dionisio González, Paloma Navares, Santiago Sierra e Álvaro Sánchez-Montañés.
No apartado correspondente á escultura, os traballos de Fabrizio Plessi e Miquel Navarro intercálanse con pezas de Manolo Paz, Pello Irazu, Jaume Plensa e Joan Cortés, un conxunto de obras que xunto aos vídeos de José Manuel Ballester e Tim White-Sobieski conforman unha panorámica da arte das dúas últimas décadas que se pecha cos traballos de Darío Villaba, Bernardí Roig e Jan Hendrix, e que estará nas salas da Fundación Luis Seoane ata finais do mes de outubro.
Artistas: José Manuel Ballester, Miquel Barceló, José Manuel Broto, Pedro Calapez, Miguel Ángel Campano, Daniel Canogar, Joan Cortés, Pablo Genovés, Susy Gómez, Dionisio González, Luis Gordillo, Jan Hendrix, Federico Herrero, Pello Irazu, Antón Lamazares, Chema Madoz, Roberto Matta, Antonio Murado, Paloma Navares, Miquel Navarro, Juan Navarro Baldeweg, Manolo Paz, Jaume Plensa, Fabrizio Plessi, Bernardí Roig, Álvaro Sánchez-Montañés, Soledad Sevilla, José María Sicilia, Santiago Sierra, Darío Urzay, Juan Uslé e Darío Villalba yTim White-Sobieski