XPRESA Obradoiro Cinematográfico de Inclusión Social

/
Dirección Andrés Duque

XPRESA é un proxecto da Asociación eSe8 da Coruña que traballa polo desenvolvemento e transformación da nosa sociedade a través da difusión e divulgación da cultura cinematográfica desde todas as súas vertentes. Neste obradoiro, que forma parte por segundo ano consecutivo do Programa Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa, mozos e mozas membros da Asperga (Asociación Síndrome de Asperger Galicia) e da Fundación Adcor de Adultos Discapacitados da Coruña, poderán desenvolver as súas propias facultades, o seu potencial creativo e expresarse emocionalmente da man do reputado cineasta Andrés Duque.

A experimentación no cine é a forza creativa que se inxecta ás historias para que conten segredos xamais antes contados. Con este obradoiro estudarase a obra dalgúns cineastas que dedicaron toda a súa vida á experimentación audiovisual e xunto a eles, poñeranse en práctica os seus achados, xerando así un material que permita construír unha película improvisada. O obxectivo deste obradoiro é que os participantes tomen conciencia da importancia desta maneira de crear, máis accesible e persoal, como xeradora de novas formas máis sofisticadas de narrar.

Sobre Andrés Duque:
Andrés Duque é un cineasta español nacido en Venezuela. O seu traballo sitúase na non-ficción española cun forte carácter ensaístico. A súa primeira película Ivan Z é un retrato do cineasta de culto Iván Zulueta. As súas obras obtiveron numerosos premios e recoñecementos en festivais de cine de todo o mundo (Punto de Vista, Cinéma du Réel, Dokufest, D’A, Unicorn Awards, Premios Goya) e foron exhibidas en centros culturais como o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS), o Museo de Arte Contemporánea de Moscú (GARAGE) e o Museo do Hermitage en San Petersburgo, entre outros. Conta con máis de 15 anos impartindo obradoiros e clases en diferentes escolas de cine de Europa e Latinoamérica con especial atención no cinema de vangarda e documental.