Visitas guiadas e obradoiros

/

A gran variedade de técnicas, soportes e procesos utilizados por Luis Seoane constitúen unha base ideal para levar a cabo experiencias educativas nas que a observación, a análise e a creatividade resultan esenciais. A exposición permanente dedicada ao artista establece un percorrido a través dun conxunto de pezas singulares que ofrecen unha perspectiva precisa do seu traballo a público de todas as idades. Para aquelas persoas interesadas en afondar na obra de Luis Seoane ou nos diferentes contidos das exposicións temporais, a Fundación Luis Seoane pon á súa disposición un servizo de visitas guiadas para grupos de adultos e unha serie de obradoiros adaptados para escolares de diferentes niveis.

Para participar nestas actividades é necesario realizar unha reserva previa a través do teléfono 981 216 015, ou enviando unha solicitude ao enderezo de correo fls@fundacionluisseoane.gal, indicando o nome da entidade ou centro educativo, nome e apelidos do responsable do grupo, teléfono e enderezo de correo electrónico de contacto, así como as datas e/ou horarios nos que se desexa visitar a Fundación. O proceso de reserva non se considerará rematado ata que a Fundación Luis Seoane así o confirme a través do email correspondente. O número mínimo de participantes por grupo é de 5 persoas, e o máximo de 25 no caso dos obradoiros para escolares, e 30 nas visitas guiadas para adultos.

Obradoiros para escolares de Educación infantil. Duración: 60 minutos
Opción 1_Criaturas luminosas do mundo das cores
O estudo e análise da natureza das cores a través da combinación dos tons primarios cyan, maxenta e amarelo e as técnicas creativas utilizadas por Luis Seoane son a base deste obradoiro no que os participantes elaborarán un mural empregando plásticos tintados, un método que mestura o soporte mural e a vidreira, a pintura e o collage, a ciencia e a arte.

Opción 2_Retratos alieníxenas
O imaxinario de personaxes mitolóxicos e literarios de Luis Seoane serve de inspiración para este obradoiro no que os participantes elaborarán criaturas fantásticas baseándose nas técnicas empregadas polo artista: debuxo, collage e escultura.

Obradoiro para escolares de Educación Primaria. Duración: 90 minutos.
Mitoloxía das bestas inventadas
A mediados da década dos setenta, Luis Seoane realiza os álbumes Bestiario e Insectario, nos que concibe un conxunto de seres que, nalgúns casos, semellan estar formados por partes de distintos animais a xeito de collage. Tomando como referencia esta técnica, os participantes neste obradoiro construirán personaxes en tres dimensións mesturando elementos de distintas figuras plástico, creando así un novo bestiario e unha mitoloxía baseados na súa propia imaxinación.

Obradoiro para escolares de ESO e Bacharelato. Duración: 90 minutos
Bestas animadas
A partir dos materiais e técnicas do obradoiro Mitoloxía das bestas inventadas, introduciráse aos alumnos de ESO e Bacharelato na técnica do stop motion (animación foto a foto) a través de sinxelos trucos, para posteriormente realizar pequenas secuencias de animación en formato GIF.

Visitas guiadas ás exposición temporais. Duración: 60 minutos
Coñecer con detalle as obras, os artistas e os proxectos das exposición temporais a través de visitas guiadas destinadas a un público adulto.

Arquitectura da Fundación Luis Seoane. Duración: 60 minutos
Inaugurada en 2003, a sede da Fundación Luis Seoane, obra dos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco, construiuse a partir da rehabilitación do antiguo edificio do Cuartel de Macanaz, do que conserva o patio de armas. A visita céntrase na transformación de instalación militar a museo, e nas súas características formais e funciones actuais como equipamento cultural.