Visitas guiadas e actividades didácticas 2022-23

/

A inmensa variedade de técnicas, soportes e procesos creativos utilizados por Luis Seoane proporciónannos a base ideal para o desenvolvemento de multitude de experiencias educativas nas que os máis pequenos terán un papel activo e moi participativo. Ao longo deste percorrido formularanse unha serie de propostas didácticas a través de diversas actividades que implican observación, análise e creatividade.

A través dunha serie de reproducións escollidas da obra de Luis Seoane que o alumnado poderá manipular, os participantes irán descubrindo a imaxe de Galicia: as mulleres e os homes, o traballo no campo e na costa, os froitos da terra e do mar, a roupa, os aparellos, os costumes, as lendas... Tamén poderán ver como traballaba Seoane coas cores, o debuxo e as formas para representar unha realidade que ía alén do simple rexistro daquilo que se percibe coa mirada.

Para participar nestas actividades, é necesario realizar unha reserva previa a través do teléfono 981 216 015.

Vidreiras Luminosas do Mundo das Cores
Obradoiro para escolares de Educación Infantil (4-5 anos) e Primaria de centros educativos. Número de participantes: 25. Duración da actividade: 60 min.

En 1959 Luis Seoane realiza a súa primeira vidreira, na que o seu carácter creativo e innovador lévao a experimentar con novos materiais, substituíndo o chumbo por soldadura plástica e utilizando resinas sintéticas tinguidas con pigmentos.

Conscientes de que o alumnado xa pintou de todas as maneiras posibles (lápis, ceras, acuarela, témpera, etc) inspirámonos nas técnicas creativas de Luis Seoane na súa aposta pola integración das artes, o seu gusto pola obra mural, polo uso de formas modulares intercambiables e no seu fondo desexo de experimentación e xogo, para deseñar unha actividade na que crearemos unha gran vidreira mesturando as tres cores primarias.

Para isto utilizaremos plásticos tintados que ao superpoñerse mesturaranse coma se fosen pintura, recortados nun abano infinito de formas, tanto xeométricas como antropomorfas, adheridos con auga a unha gran ventá. Unha técnica que mestura o soporte mural e a vidreira, a pintura e o collage, a ciencia e a arte. Esta actividade está baseada no estudo e análise da natureza das cores e a experimentación cos tres pigmentos básicos, cyan, maxenta e amarelo.

Figurando con cartolíñas
Obradoiro para escolares de Educación Primaria. Número de participantes: 25. Duración da actividade: 60 min.
En xuño de 1959, coincidindo coa saída do último número da revista Galicia Emigrante, aparecía Figurando recuerdos, un volume no que Luis Seoane reunía as 24 ilustracións en color que deseñara para as tapas daquela publicación mensual ás que engadía 5 debuxos en branco e negro. Xunto a estes, outras obras como o mural Figuras sentadas, situado nun edificio particular de Bos Aires; o estudo para o mural Campesinas de 1959 e o óleo Mater Gallaeciae de 1961, servirán de inspiración para que os participantes neste obradoiro para realicen as súas cartoliñas, deseños elaborados con cartolina de diferentes cores, que posteriormente fixarán á parede para dar vida aos seus propios relatos.

Bestiario mutante de fauna delirante
Obradoiro para escolares de ESO e Bacharelato. Número de participantes: 25. Duración da actividade: 60 min.
Con raíces na Grecia antiga, os Bestiarios tiveron o seu apoxeo na Idade Media como manuscritos que recollían fábulas ou descricións, moitas veces moralizantes, de animais reais ou imaxinarios. Ao longo da historia, numerosos artistas e escritores utilizaron os bestiarios como medio de expresión. Gran aficionado aos bestiarios medievais e renacentistas, en 1976 Luis Seoane publica Bestiario, un álbum de gravados con 13 xilografías que representan seres fantásticos, moitos deles formados pola mestura de criaturas diferentes; e en 1975, Insectario, no que o artista galego engade ás imaxes frases de carácter moral. Inspirados por estes dous álbumes, os participantes deste obradoiro crearán o seu propio bestiario utilizando bonecos de plástico e outros obxectos, combinando testas, troncos, patas, colas, etc. Cada criatura recibirá un nome e se describirán as súas cualidades físicas, os seus poderes sobrenaturais, para posteriormente ser inmortalizada nunha fotografía que os alumnos se levarán de recordo.

Visitas guiadas ás exposicións temporais
Destinadas a Ciclos Formativos e público adulto . Número de participantes: 30. Duración da visita: 60 min.
Cada exposición temporal disporá da súa propia visita comentada, na que o educador explicará os seus contidos e dotará de sentido e significado os conceptos e propostas desenvolvidas na mesma, adaptándose sempre ás características e intereses específicos de cada grupo. Todo isto cun marcado carácter lúdico e participativo.

Visitas arquitectónicas
Destinadas a Ciclos Formativos e público adulto. Número de participantes: 30. Duración da visita: 60 min.

Visitas guiadas ao edificio da Fundación Luís Seoane, deseñado polos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco e inaugurado en 2004. Falaremos sobre a adaptación do edificio preexistente, o Cuartel de Macanaz, a unha arquitectura de museo, sede da Fundación. Analizaremos ademais as súas características formais e funcionais, facendo fincapé na valoración da súa versatilidade para adaptarse ás diversas actividades e propostas museísticas que se desenvolven no edificio.