Tres mulleres Magnum: Eve Arnold, Inge Morath e Cristina García Rodero Actividades didácticas

/

[Importante: para participar nestas actividades, é necesario realizar unha reserva previa no teléfono 981 216 015]
Obradoiros para escolares de Educación Primaria. Número de participantes: 30. Duración da actividade: 60 minutos.
Na exposición atópanse varias fotografías da serie Máscaras de Saul Steinberg de Inge Morath. As persoas que aparecen nelas cubren as súas cabezas con bolsas de papel sobre as que o ilustrador americano dibuxou un rostro a xeito de retrato.

Tomando como referencia estas fotografías, os participantes neste obradoiro realizarán as súas propias versións destas máscaras empregando bolsas de papel kraft inspirándose nos deseños de Steinberg, e aprenderán ademais os fundamentos do encadre e da composición fotográfica a través dos retratos que realizará deles o monitor, que posteriormente enviará ao profesorado para o seu análise e comentario na aula.

Obradoiros para escolares de ESO. Número de participantes: 30. Duración da actividade: 60 minutos
Empregando de novo como referencia a serie Máscaras de Saul Steinberg de Inge Morath, os participantes plasmarán os seus deseños en bolsas de papel para realizar as súas propias máscaras. A actividade fai tamén fincapé no concepto de escenificación como medio de expresión mediante a análise da disposición dos elementos dentro dun espazo, utilizando escenas de películas, series, cómics ou videoxogos como fonte de inspiración. A colocación da cámara e o uso de recursos gráficos como paso previo á realización dunha fotografía son algúns dos conceptos aos que se introducirá aos participantes neste obradoiro.

Obradoiros para escolares de Bacharelato. Número de participantes: 30. Duración da actividade: 60 minutos.
A relación entre cine e fotografía é un dos temas presentes na exposición Tres mujeres Magnum. Dúas das fotógrafas incluídas na mostra, Eve Arnold e Inge Morath documentaron as rodaxes de peliculas como Moulin Rouge (1952) ou Vidas rebeldes (1960), ademais de retratar a numerosos intérpretes da época como Ingrid Bergman, Marilyn Monroe ou Paul Newman, entre outros.
A imaxe panorámica relaciona fotografía e cine captando un ‘panorama’, é dicir, unha vista completa do horizonte visual a través dun movemento de cámara que dilata o momento de captura da imaxe completa. Hoxe en día, case todos os teléfonos móbiles dispoñen dun asistente para realizar estas imaxes.

Retratos panorámicos paranoides
No obradoiro formularase a realización de fotografías panorámicas como un xogo no que os participantes transformarán o uso da técnica aplicándoa ao retrato en movemento. Para isto, farase un uso lúdico dun software especializado para conseguir forzar a construción deste tipo de imaxes, obtendo deste xeito uns resultados diferentes, creativos e persoais a través dun dispositivo pensado para un uso diferente. A obra de Cristina García Rodero, a súa visión dos ritos e festas populares, tomaranse como referencia para a realización desta actividade.
Neste obradoiro, convídase ao alumnado a utilizar os seus propios teléfonos móbiles, sempre co consentimento previo dos seus tutores e do profesorado.

Visitas guiadas para ciclos formativos e grupos de adultos. Número de participantes: 30. Duración: 60 minutos