Visitas guiadas e actividades didácticas

/

A Fundación Luis Seoane ofrece un servizo de visitas guiadas para adultos ás súas exposicións e un programa de actividades para escolares de todas as idades á mostra Moscoso Cosmos. O universo visual de Victor Moscoso.

Teléfono de contacto e reservas: 981 216 015

_VISITAS GUIADAS PARA ADULTOS
Exposición Moscoso Cosmos. O universo visual de Victor Moscoso: todos os domingos ás 12:00 ata o 27 de xuño, previa reserva (prazas limitadas). Reservas para grupos ás exposicións en curso noutras datas e horarios, consultar dispoñibilidade.

_ACTIVIDADES PARA ESCOLARES
Por mor das restricións establecidas polas autoridades sanitarias, as actividades para escolares terán lugar nos propios centros educativos, previa reserva, e estarán limitadas á area do Concello da Coruña.

Pintar cos ollos. Experimentos visuais sobre a percepción das cores e as formas
Actividades na aula para escolares de Educación Infantil, Educación Primaria e ESO. Requisitos técnicos: unha sala escura e un proxector dixital. Ubicación: centros educativos. Duración: 1 hora

Entre os anos 1966 e 67, Victor Moscoso revolucionou o mundo do deseño gráfico cunha serie de carteis psicodélicos nos que subvertía a teoría da interacción da cor de Josef Albers, un dos integrantes da escola da Bauhaus, do que fora alumno na súa etapa universitaria. Entre os experimentos creativos levados a cabo naquela época polo artista galego atópanse os denominados kinetic posters ou carteis cinéticos, un formato que permite a introdución de movemento en imaxes estáticas ao iluminalas alternativamente con luz vermella ou azul.

Pintar cos ollos centrarase no funcionamento deste e doutros efectos ópticos como o emprego de visores 3D para a reprodución de movemento, unha forma de introducir aos participantes no estudo da natureza das cores, as capacidades perceptivas do ollo humano e os procesos levados a cabo polo cerebro para comprender o que estamos vendo. O desenvolvemento da actividade variará en función da idade dos asistentes, adaptándose ás súas características específicas.

Moscoso Cosmos
Actividade para Ciclos Formativos. Requisitos técnicos: unha sala escura e un proxector dixital. Ubicación: centros educativos. Duración: 1 hora

As chaves do traballo de Victor Moscoso, os seus procesos creativos, os seus referentes visuais e conceptuais, o seu brillante traballo tipográfico, así como a influencia da súa estética no cartelismo publicitario estadounidense son algúns dos temas que formarán parte desta actividade, un percorrido virtual a través dunha selección de obras presentes na exposición retrospectiva que lle dedica a Fundación Luis Seoane á obra do artista galego, no que tamén se recrearán os seus experimentos formais coa arte óptica e cinética e se analizarán as súas aportacións ao cómic.