CONVOCATORIA DE PROCESO SELECTIVO PARA A SUBSTITUCIÓN DA DIRECTORA, POSTO DE TRABALLO DO GRUPO I NA FUNDACIÓN LUIS SEOANE (MODALIDADE DE CONTRATO DE SUBSTITUCIÓN SUXEITO AO CONVENIO LABORAL DE OFICINAS E DESPACHOS DA PROVINCIA DA CORUÑA).
Vaise proceder á selección de DIRECTOR/A da FUNDACIÓN LUÍS SEOANE (FLS) na modalidade de CONTRATO DE SUBSTITUCIÓN con grupo profesional I DIRECTOR/A.
I.- MODALIDADE DE CONTRATACIÓN, DURACIÓN DO CONTRATO E RETRIBUCIÓNS.
• Modalidade: O contrato formalizarase baixo a modalidade de duración determinada para a substitución da Directora Titular da Fundación Luís Seoane por atoparse en situación de excedencia forzosa por desempeño de cargo público.
• Duración prevista: O contrato finalizará no momento que se reincorpore a Directora da Fundación da súa excedencia forzosa.
• Tipo de xornada: Xornada completa.
• Retribución: Salario anual bruto de 43.926,36 €.
• As funcións a realizar son as seguintes:
• Exercer a dirección artística da FLS.
• Dirixir, coordinar e planificar a actividade dos departamentos ao seu cargo.
• Xestionar a colección da FLS.
• Xestionar o orzamento da FLS, levar a cabo as xestións co Protectorado de Fundacións da Xunta de Galicia.
• Xestionar o programa de actividades culturais da FLS.
• Supervisar a xestión das actividades educativas da FLS.
• Supervisar a xestión da Biblioteca e o Arquivo da FLS.
• Elaborar a programación anual de exposicións e actividades para a súa aprobación por parte do Padroado da FLS.
• Velar pola protección do patrimonio artístico da FLS, e pola súa conservación e restauración cando proceda.
• Impulsar os acordos de cooperación e colaboración con outros museos e institucións afíns, tanto nacionais como internacionais.
• Supervisar o estado e conservación das instalacións, servizos e mobiliario da FLS.
• Supervisar e coordinar a publicación de guías, catálogos, documentos e outros soportes técnicos encargados pola FLS.
• Representación institucional da FLS.
• Desempeñar cantas funcións séxanlle especificamente encomendadas polo Padroado ou pola Comisión Executiva da FLS.
II.- CONDICIÓNS DOS/AS ASPIRANTES.
1.- Para tomar parte neste proceso selectivo, os/as aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos, referidos todos e cada un deles a data que finalice o prazo de presentación de solicitudes, mantelos durante todo o proceso selectivo e ata o momento da formalización do contrato laboral:
a) Nacionalidade: Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
b) Idade: Ter cumpridos dezaoito anos de idade.
c) Capacidade: Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas que son obxecto do presente contrato.
d) Profesionalidade:
• Título de grao ou equivalente en Historia da Arte ou Xeografía e Historia ou outra titulación universitaria de grao equivalente da rama de coñecemento das artes e humanidades.
• Traxectoria e experiencia significativa en xestión de Museos, Centros de Arte Contemporánea e/ou Institucións Culturais
• Ter coñecemento profundo da obra de Luís Seoane en particular, e na arte moderna/contemporánea española e universal en xeral.
• Ter realizado exposicións, conferencias e actividades en centros culturais e artísticos de recoñecido prestixio.
• Dedicación exclusiva.
2.- As solicitudes dos/as candidatos/as a tomar parte neste proceso de selección presentaranse no rexistro da Fundación sito na Rúa San Francisco nº 27 da Coruña (C.P.15.001) ou mediante correo certificado dirixido á Comisión de Valoración da Fundación Luís Seoane ao mesmo enderezo no modelo que se achega como Anexo ás presentes bases (Anexo I) durante o prazo de QUINCE DÍAS NATURAIS a contar dende o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria.
3.- Nas solicitudes que se presentarán no modelo Anexo, os/as aspirantes farán constar que reúnen todos e cada un dos requisitos establecidos na base II e acompañarán inescusablemente os seguintes documentos:
a) Xustificante do título oficial universitario.
b) Acreditación da experiencia laboral en xestión de Museos, Centros de Arte Contemporánea e/o Institucións Culturais.
c) Listaxe de exposicións, conferencias e actividades en centros culturais e artísticos de recoñecido prestixio.
d) Acreditación do coñecemento da obra de Luís Seoane en particular e na arte moderna / contemporánea española e universal en xeral.
e) Copia do D.N.I ou documento equivalente.
f) Informe de vida laboral.
g) Estar en posesión do certificado CELGA 3 ou equivalente debidamente homologado dacordo coa normativa de aplicación ou estar en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes. En todo caso, os/as aspirantes que non acrediten dito coñecemento da lingua galega, ou estar en condicións de obtelo dentro do prazo de presentación de solicitudes, deberán realizar unha proba específica de coñecemento de lingua galega.
4.- A relación dos méritos que aleguen os aspirantes deben aportarse pola orde que establece a convocatoria unindo a esta relación os documentos xustificativos dos mesmos.
Non serán tomados en consideración nin valorados os que non se acrediten debidamente en todos os seus extremos no momento de presentación de solicitudes. A Comisión de Valoración non avaliará os méritos que non se aporten ou acrediten desta forma.
Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais na Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán). No caso de documentos expedidos noutras Comunidades Autónomas, para que teñan validez, deberán estar redactados na lingua castelá ou traducidos polo organismo competente da respectiva comunidade. No caso de linguas estranxeiras, deberán ser traducidos e apostilados.
5.- A documentación poderá ser copia, sen ser precisa a copia cotexada; presumirase documentación auténtica e unicamente será requirida a presentación da documentación orixinal ao candidato seleccionado. Non obstante, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, poderase solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo/a solicitante. No caso de detectarse falsidade documental, será motivo de exclusión do proceso.
En todo caso os/as solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten, reservándose a FLS a facultade de exercer as medidas de esixencia de responsabilidade oportunas no caso de falsidade na documentación achegada.
6.- Coa presentación da solicitude para tomar parte no proceso selectivo entenderase que os/as interesados/as aceptan e acatan todas e cada unha das Bases desta convocatoria.
III.-PUBLICIDADE.
As bases do presente proceso selectivo publicaranse na páxina web da Fundación www.fundacionluisseoane.gal e nos seguintes diarios; La Voz de Galicia, La Opinión de A Coruña e El Ideal Gallego.
Os resultados das probas, as convocatorias, citacións e emprazamentos aos aspirantes, así coma calquera actuación da Comisión de Valoración levaranse a cabo na páxina web da Fundación no enlace www.fundacionluisseoane.gal/gl/anuncios
IV.- ADMISIÓN DE ASPIRANTES.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes, dentro dos corenta e cinco días naturais seguintes, publicarase na páxina web da Fundación a lista provisional de admitidos e excluídos, indicando os motivos da exclusión no caso de que os houbese. Esta resolución publicarase no enlace www.fundacionluisseoane.gal/anuncios
Os/as aspirantes excluídos, así como os omitidos na relación de admitidos ou excluídos, disporán dun prazo de sete días naturais contados a partires do día seguinte ao da publicación da resolución para emendar os defectos que motivaran a súa exclusión ou a súa omisión da relación de admitidos e excluídos. Os aspirantes que dentro do prazo sinalado non emendasen a exclusión ou non alegasen a omisión, xustificando o seu dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos do procedemento.
As emendas referiranse exclusivamente a documentación existente e con data anterior á finalización do prazo para a presentación de solicitudes.
Transcorrido o prazo sinalado no punto anterior, a Fundación ditará resolución na que se aprobará a lista definitiva de solicitantes admitidos/admitidas e excluídos/as e sinalará o lugar, data e hora do comezo do proceso de selección. Esta resolución publicarase no enlace www.fundacionluisseoane.gal/anuncios.
V.- COMISIÓN DE VALORACIÓN.
A Comisión de valoración, estará formada por:
D. Xosé Díaz Arias (Presidente)
Dona Agar Ledo Arias
Dona Angeles Penas Truque
D. Manuel Vilariño Seco
D. Pedro Vasco Conde
D. Abraham Piñeiro Rodríguez (Secretario)
A Comisión de Valoración non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de polo menos tres dos seus membros. En todo caso precisarase a asistencia do Presidente e do Secretario.
O Secretario queda autorizado para resolver as dúbidas que se presenten e propoñer os acordos necesarios para a boa orde do proceso selectivo en todo o non previsto nestas Bases.
A Comisión de Valoración poderase constituír, convocar, celebrar as súas sesións e adoptar acordos tanto de forma presencial como a distancia.
A Comisión de Valoración poderá, se o considera oportuno, valerse de especialistas sobre unha determinada materia, podendo emitir cantos informes ou ditames lles solicite a Comisión de Valoración, non tendo tales informes carácter vinculante.
Sempre que así o acorde a Comisión de Valoración no caso que dous candidatos coincidan coa nota máis alta, realizarase sorteo de desempate entre ambos.
VI.- DESENVOLVEMENTO DO PROCESO DE SELECCIÓN.
A) FASE DE VALORACIÓN DE MÉRITOS.
A Comisión de Valoración reunirase en sesión/s non públicas aos efectos de valorar os méritos aportados e debidamente acreditados polas persoas aspirantes admitidas. O resultado da valoración farase público, mediante a súa exposición na páxina web da Fundación.
A puntuación máxima outorgada na fase de valoración de méritos non poderá exceder de 4,00 puntos.
Nesta fase valoraranse os méritos específicos adecuados ás características do posto de traballo, segundo o seguinte, BAREMO:
A.1) Experiencia Profesional: máximo 3,00 puntos.
• Traxectoria e experiencia significativa en xestión de Museos, Centros de Arte Contemporánea e/o Institucións Culturais. 0,05 puntos por mes de desempeño.
A experiencia profesional xustificarase mediante copia/s de contrato/s de traballo e/ou certificado/s de servizos prestados expedido polo empregador ou órgano contratante no que se indique o posto ocupado, funcións realizadas e a duración da prestación do servizo.
Non se computarán servizos prestados por tempo inferior a un mes.
A.2) Outros méritos: máximo 1,00 punto.
• Coñecemento profundo da obra de Luis Seoane en particular e na arte moderna/ contemporánea española e universal en xeral: 0,50 puntos.
• Realización de exposicións, conferencias e actividades en centros culturais e artísticos de recoñecido prestixio. 0,10 puntos por cada exposición, actividade ou conferencia hasta un máximo de 0,50 puntos.
B) FASE DE PRESENTACION ORAL DE PROPOSTA DE PLAN DE ACTUACIÓN PARA A FLS E POSTERIOR ENTREVISTA PERSOAL: máximo 6,00 puntos.
Os candidatos presentarán oralmente á Comisión de Valoración a súa proposta de Plan de Actuación para a Fundación Luís Seoane e unha vez rematada a mesma, procederase a realizar unha entrevista persoal por parte da Comisión de Valoración.
VII.- CONTRATACIÓN
A Comisión de Valoración publicará na páxina web da Fundación o/a aspirante que obtivese a máxima puntuación no proceso de selección para que proceda a presentar e/ou exhibir para o seu cotexo a documentación orixinal aportada ao proceso de selección e subscrición do correspondente contrato laboral.