Seoanespace is the Place nace co obxectivo de realizar pequenos encontros de música e arte ao redor da figura e a obra de Luis Seoane a través dun percorrido diferente, amplo e dinámico. O propósito destas sesións, que se inseren no marco da Fundación Luis Seoane como unha das sedes dos escenarios do Festival Noroeste Estrella Galicia, consiste en difundir a obra do artista revisando as múltiples facetas da súa traxectoria, tendo como eixo principal a integración de diferentes disciplinas: música, cine, fotografía, pintura, gravado, escultura, edición gráfica e muralismo. A música coordinarase de maneira experimental con imaxes da obra do artista e sons radiofónicos recuperados. A dirección musical destes concertos correrá a cargo de Fatfish, coleccionista, promotor e dj con máis de 25 anos de experiencia, mentres que Javier Otaduy encargarase da parte visual.
PROGRAMA:
17 agosto: Abu Sou (dj – Canela en Surco – Barcelona)
24 agosto CHanZo (Live – Trío)
31 agosto Grobas (dj – Thrasher Home Records – A Coruña)
7 setembro Fake Robotique b2b Fatfish (dj’s- Discorder Madrid vinyl set)
Javier Otaduy (VJ)
Nacido en Bilbao en 1974, Javier Otaduy é un cinemista preocupado pola difusión libre de contidos e a apropiación como arte. O seu traballo, en parte autobiográfico, é gravado día a día e montado en diversos formatos. Membro de HAMACA, a súa obra está incluida no catálogo da exposición itinerante Las caras B del videoarte español producida por AECID.
Abu Sou (DJ – CANELA EN SURCO)
Abu Sou forma parte do persoal da tenda barcelonesa Discos Paradiso case desde os seus comezos, desenvolvendo ao mesmo tempo o seu labor como presentador e director do programa de radio Canela En Surco. Durante anos, Abu Sou se centrou principalmente na busca de música producida no oeste africano, no Caribe e Sudamérica, aínda que nos seus sets sempre intenta mesturar esa paixón co seu gusto por outros estilos, sendo o house e o disco americanos as principais fontes de son nas súas sesións de baile. O seu intento de trasladar a esencia do programa de radio ao club levouno a actuar nun gran número de salas e festivais en todo o Estado (Razzmatazz, Moog, Nitsa, Lanna Club, RBMA Weekender, Bilbao BBK Live, etc.), así como a abrir e pechar sesións para xente como Larry Heard, Floating Points, Terrence Parker, Dj Nature, Andrés, Moodyman, Lena Willikens, Tako e Todd Terry entre outros.
Fake Robotique (DJ – Robotique)
Despois de pasar por varias bandas de metal industrial, en 1996 cambia a batería por dous pratos e comeza a súa carreira como DJ. Con DJ Waje forma o dúo Robotique e o proxecto 8z8, e a comezos de século crea o colectivo Bunker Plagën. Participou en festivais como Festimad, Arco, FIB e Sonar, entre outros, e publicou xunto a DJ Pilas unha referencia no selo alemán Shadock. Desde hai un par de anos regresou ao estudo e ten en marcha un proxecto para facer música en directo xunto a Apenthunder chamado M4D3 e orientado cara a electrónica escura.
Grobas (DJ – THRASHER HOME RECORDS )
Despois de máis de 20 anos de traxectoria, DJ Grobas é un clásico da escena de clubes da Coruña. Na actualidade, a súas sesións posúen un carácter máis experimental. Nesta ocasión, ofrecerá unha sesión de electro e IDM que abarcará desde os anos 90 ata a actualidade.
CHaNZo (Live – Trío)
Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez e Alex Salgueiro son os compoñentes de ChaNZo, un trío que experimenta con elementos arriscados e informais deixando que a música atope o seu propio camiño. Estes tres músicos galegos empregan a improvisación como aliada, e comparten a obsesión de buscar novos territorios musicais, mesturando música electrónica, free jazz, groove, kraut rock, psicodelia, etc.