Sensorialidades aplicadas. Un ensaio arte-ciencia Presentación de resultados

Sensorialidades aplicadas, un ensaio arte-ciencia foi unha investigación que se desenvolveu o pasado 18 de marzo na Fundación Luis Seoane baseada na percepción sensorial do público ao ser exposto á contemplación de pezas do artista galego. O estudo tiña dous obxectivos: amplificar a atención do espectador e coñecer o que implica visitar/habitar unha obra de arte. Para isto, utilizouse un software de análise sensorial e un electroencefalógrafo cos que se mediron as emocións experimentadas por 10 suxeitos en diferentes momentos da visita, co obxectivo de harmonizar os resultados e comparar as súas reaccións.

Afondar na atención, facela máis sostida, é unha forma de tomar consciencia do aquí e do agora, do instante mesmo. Nestes obradoiros analizouse a experiencia de habitar unha obra, xogouse cunha atención consciente e outra menos consciente (a que podería ser a habitual na visita a un museo) para comprender o que realmente supón para o espectador ver unha obra, e tamén como exercício para adestrar e mellorar a súa agudeza sensitiva.

Os resultados desta investigación daranse a coñecer o mércores 10 de novembro ás 19:00 horas na Fundación Luis Seoane nun acto no que intervirán o artista e investigador Fran Quiroga e Maruxa Quiroga, directora da spin-off da USC TasteLab e experta na medición da percepción sensorial. As persoas que asistan a este encontro poderán levarse un fanzine que, a modo de ensaio performativo, ofrece as conclusións da investigación, un proxecto que conta cunha axuda da Xunta de Galicia para o fomento de actividades de creación-produción das Artes Plásticas e Visuais.

O acceso ao acto é libre, previa reserva no teléfono 981 216 015 (prazas limitadas).

Actividades actuais

Grupo de Estudos
Transición ecosocial e desexo
/
Actividade
Lugares de novela: Uruguai
Obradoiro de literatura
/
Actividade