Semana da Arquitectura 2020 [PRAZAS ESGOTADAS]

/

Fernández-Albalat trata de integrar a arquiteitura que fai, a nós parécenos, a tradición do seu país de acordo coa sua natureza diferencial, mais facendo un arte vivo, de hoxe. Sabe que o arquiteito, o artista, tem como deber no noso tempo humanizar a téinica e a cencia aproveitando a sua esperiencia vital como está implícito na obra de Francastel, por poñer o nome du téorico do noso tempo.

[Luis Seoane sobre Andrés Fernández-Albalat. Serie Figuraciós. La Voz de Galicia, 3 de xuño de 1973.]

A Fundación Luis Seoane é unha das institucións que participan na Semana da Arquitectura 2020, que este ano está dedicada ao arquitecto coruñés Andrés Fernández-Albalat (1924-2019), responsable da introdución do movemento moderno en Galicia, e unhas das figuras máis destacadas da arquitectura española da segunda metade do século XX. Formado na Escola Superior de Arquitectura de Madrid, na que entraría en contacto con destacados arquitectos como Miguel Fisac ou Rafael de la Hoz, entre outros, a traxectoria de Fernández-Albalat está estreitamente relacionada com Galicia e moi especialmente coa súa cidade natal, A Coruña, que reúne importantes exemplos do seu labor, tanto en obra pública como privada. Edificios de vivendas, de uso industrial, espazos para a docencia e recintos culturais, son moitos os lugares da cidade nos que se pode atopar a pegada do arquitecto, que tamén tiña un grande interese polas artes plásticas, o que o levaría a formar parte do Laboratorio de Formas de Galicia, un proxecto que o uniría a Isaac Díaz Pardo e a Luis Seoane para o que deseñaría o edificio da Fábrica de Cerámica de Sargadelos e o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

Fundador do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, os vínculos de Fernández-Albalat co mundo da cultura serán constantes a través da súa participación como académico en institucións como a Real Academia Galega, a Real Academia das Artes de Galicia, ou a Real Academia de Belas Artes de San Fernando, entre outras, así como nos padroados do Museo do Pobo Galego ou a propia Fundación Luis Seoane.

Os días 6 e 7 de outubro, ás 19:30, a Fundación Luis Seoane acollerá o Ciclo de Conferencias da Semana da Arquitectura 2020, no que participarán os arquitectos Manuel Gallego Jorreto, César Portela, Patxi Mangado, Javier Harguindey e Cristóbal Crespo, así como os responsables da organización dos actos da Semana da Arquitectura deste ano, Antonio S. Río e Carlos Quintáns. O ciclo é de acceso libre, previa reserva de praza a través do teléfono 981 21 60 15 (aforo limitado).

Programación completa

Descargar.pdf

Actividades actuais

Grupo de Estudos
Transición ecosocial e desexo
/
Actividade
Lugares de novela: Uruguai
Obradoiro de literatura
/
Actividade