(S8) XVII Mostra de Cinema Periférico

/

A Fundación Luis Seoane será de novo unha das sedes que acollerá a programación do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que se celebrará entre os días 2 e 7 de xuño en diferentes espazos da cidade. Este ano, a imaxe do festival está inspirada nos eclipses, coincidindo co que terá lugar o vindeiro 12 de agosto, un fenómeno ao que fixeron referencia numerosos cineastas e artistas ao longo da historia do medio, e que tamén estará presente na sesión inaugural do certame.

Desbordamientos
Unha vez máis, o patio da Fundación acollerá as film performances de Desbordamientos, que se desenvolverán entre os días 4 e 6 de xuño a partir das 23:30 horas. O artista audiovisual e cineasta vigués Pablo Agma será o primeiro en abrir esta sección coa performance Niño monaguillo y sus pecados, na que conviven proxección analóxica, posta en escena e son. De seguido, as pezas Descubro el rayo, tus ojos tiemblan do realizador e fotógrafo asturiano Guillermo Braga e Fifty Fifty do colectivo Los Caballos de Düsseldorf pecharán a sesión do xoves.

O venres 5 de xuño será a quenda da artista portuguesa Beatriz Freire, que en A Texture Map of Monnegre River realizará unha intervención na que traslada o proceso de rodaxe dunha película á elaboración dunha peza téxtil. Tras ela, a artista visual colombiana Paola Guzmán Figueroa afondará en Trazos generacionales nos conceptos de memoria, identidade, transculturalidade e corpo a través da perspectiva de catro xeracións de mulleres da súa familia. Por último a realizadora e artista portuguesa Tânia Dinis abordará en Morada aberta: onde o gesto cura experiencias cotiás persoais e colectivas empregando vídeo dixital e analóxico, técnicas de cinema expandido e imaxes en tempo real.

Desbordamientos pecharase coa intervención do cineasta John Porter, un dos realizadores máis destacados en formato Súper 8. Nesta última sesión, que terá lugar o sábado 6, o autor canadense proxectará varias das súas películas e levará a cabo 4 performances.

Ademáis de Desbordamientos, os días 4 e 5 de xuño, a Fundación Luis Seoane acollerá as sesións de INPUT, o espazo de titorización e asesoría de proxectos cinematográficos en desenvolvemento, unha das principais liñas de traballo de eSe8_LAB. Este ano, os catro proxectos seleccionados son Corneta China, de La Vulcanizadora; Aureola Infinita, de Ana Císcar e Rubén Marín; Luz derramada, de Gonzalo Manchón; e Assaig_d’aproximación a Ara o Mai de Carlos Baixauli. Todos eles estarán asesorados polos cineastas Tamara García e Pablo Marín, polo investigador e crítico Miguel Armas e pola investigadora Almudena Escobar López.

+ info prema aquí

Actividades actuais

Compaxinadas
Ciclo de literatura
/
Actividade