(S8) X Mostra de Cinema Periférico

/

Este ano, o (S8) Mostra de Cinema Periférico celebra os seus dez anos de existencia cunha programación que de novo trae á nosa cidade as manifestacións máis destacadas do cinema experimental e de vangarda do panorama nacional e internacional. A décima edición do certame fai unha vez máis unha parada na Fundación Luis Seoane coa sección Desbordamentos, dedicada al cinema expandido e á film performance. Do 6 ao 8 de xuño, o patio da Fundación acollerá as propostas do dúo español Prismáticas formado por Pilar Monsell (Córdoba, 1979) e Aitziber Olaskoaga (Getxo, Bizkaia, 1980), do artista italiano Stefano Canapa (Turín, 1977), do colectivo mexicano LEC (Laboratorio Experimental de Cine) e do cineasta británico de vangarda Malcolm Le Grice (Plymouth, 1940).

Programa Desbordamientos (textos: (S8) Mostra de Cinema Periférico)

XOVES 6 DE XUÑO, 23:00 horas

PRISMÁTICAS

PRINCIPIO MÁQUINA DE COSER prototipo 01. Performance

PRINCIPIO MÁQUINA DE COSER prototipo 01 é a primeira performance do dúo Prismáticas, realizada grazas á residencia BAICC 2019 en LIFT, Toronto. Clausurando a primeira fase deste proxecto que desenvolverán a longo prazo, monsell & olaskoaga presentan a SEE(W)ING machine, un proxector de 16 mm que comezaron a hackear para combinalo con pezas dunha máquina de coser. Poñendo en xogo o emprego de máquinas, xestos, palabras e imaxes, tanto dixitais como analóxicas, Prismáticas cuestiona o imaxinario tecnófobo asociado historicamente ás mulleres, así como a invisibilidade e precariedade do seu traballo na industria téxtil e cinematográfica.

STEFANO CANAPA

Wavelength. Stefano Canapa e Antoine Birot, Francia, 2017, film performance, cuádrupla proxección 16 mm sonorizado en directo. 30 min.

Nacido en Turín, Italia, e residente en París dende 1999, Stefano Canapa leva dende finais dos noventa en activo no campo do cine analóxico e as súas posibilidades. Forma parte do colectivo de artistas Z.U.R. (Zona Utópicamente Reconstituida), dedicado á investigación tanto nas artes plásticas coma no teatro e no cine, é parte activa do laboratorio autoxestionado por artistas L’Abominable e en 2007 fundou, xunto a Yoana Urruzola, o LIC, Laboratorio de Investigación Cinematográfica, en Montevideo. Dende comezos dos 2000, o seu traballo milita en diversas frontes fílmicas: instalacións, películas e filme performances, que percorreron un amplo número de festivais internacionais (de Locarno a Rotterdam, Oberhausen, Toronto, Marsella ou Cinema du Réel, entre outros), nunha investigación en curso que incorpora as particularidades do formato analóxico en conxunción coa arte sonora.
Nesa dirección camiña a filme performance que nos trae xunto a Antoine Birot, na que combina un tubo de raios catódicos e celuloide, sinais eléctricas puras con película analóxica. Wavelength é un traballo de investigación arredor do concepto de onda que busca explorar o alcance dunha sinal eléctrica manexando a súa amplitude e frecuencia; repetición/desestruturación, accidentes/crepitacións dialogan coas partículas da emulsión fotoquímica en perpetuo movemento. As imaxes e sons que veremos xéranse a través dun xerador de baixas frecuencias artesanal, e son manipuladas en vivo empregando ese mesmo xerador e tres proxectores de 16mm. Ondas sonoras e lumínicas coas que vibrar en desbordada e desbordante comunión.

VENRES 7 DE XUÑO, 23 horas

LEC (MÉXICO)

Love Machine, 2018. Performance, proxección cuádrupla, 16 mm, sonorizado en directo, 30 min.
Desaparecer, 2016. Performance, dobre proxección, 16 mm, sonorizado en directo, 30 min.

A liberdade creativa e as buscas formais en ebulición na contorna do LEC (Laboratorio Experimental de Cine) son a orixe destas dúas performances nas que a investigación arredor dos medios do cine analóxico e a improvisación do directo son fundamentais. Proxectos cun espírito colaborativo con vontade de tender pontes coas comunidades ás que visitan, neste caso a través da colaboración con Luis Garrido e Alexandre Losada, músicos pontevedreses que levan anos explorando os camiños das músicas improvisadas, a experimentación electroacústica e o rock menos domesticado. Vellos tocadiscos, sintetizadores caseiros, saxofóns, guitarras, cintas de casete, radios ou micros de contacto forman parte do seu arsenal sonoro nunha busca constante de novos marcos que mover (segundo as súas propias palabras), arsenal que se suma ao do LEC, composto de proxectores e artefactos visuais varios, nesta dobre sesión de novas experiencias visuais e auditivas.

SÁBADO 8 DE XUÑO, 23 horas

MALCOLM LE GRICE

Castle1, Reino Unido, 1966, performance 16 mm, 22 min.
Berlin Horse, Reino Unido, 1970, dobre proxección 16 mm, 9 min.
Horror Film 1, Reino Unido, 1971, performance, tripla proxección 16 mm, 14 min.
Threshold, Reino Unido, 1972, tripla proxección 16 mm, 17 min.

Se se pode falar de algo así como “clásicos” da filme performance, sen dúbida esa hipotética lista estaría encabezada por algúns dos traballos que se poderán ver nesta sesión dedicada ás obras performativas e multipantalla en 16mm de Malcolm Le Grice. Castle 1 e Horror Film 1 desmontan e amplían o evento da proxección, cada un ao seu xeito: Castle 1, rompendo a ilusión a través dunha lámpada fronte a pantalla que se vai acendendo a cada canto; Horror Film 1 pon en xogo o corpo do artista para descompoñer o feixe de luz coloreado de tres proxectores en diferentes sombras de cores: unha experiencia visual nova a partir dos elementos básicos da proxección.
Por outra banda, Berlin Horse é un traballo cuxa beleza se conxúga cunha investigación arredor do material e tempo fílmicos. A partir da metraxe propia en 8mm e dunha película atopada dos comezos do cine, Le Grice refilma e manipula un hipnótico bucle, como hipnótico é o bucle sonoro creado por Brian Eno para a peza, que se exhibe con dous proxectores. Por outro lado, Threshold é un traballo no que ao emprego reflexivo da copiadora óptica se suman as posibilidades das permutacións da cor, construíndo a través da tripla proxección en 16mm unha peza profunda e complexa, na que o estudo das posibilidades da película e da proxección se suman a unha intensa experiencia visual.

A programación completa do (S8) X Mostra de Cinema Periférico está dispoñible en: www.s8cinema.com

Actividades actuais

Grupo de Estudos
Transición ecosocial e desexo
/
Actividade
Lugares de novela: Uruguai
Obradoiro de literatura
/
Actividade