(S8) Mostra de Cinema Periférico

/

A Fundación Luis Seoane será de novo unha das sedes da (S8) Mostra de Cinema Periférico, que celebra a súa 15ª edición cunha programación na que destacan os traballos realizados por cineastas mulleres e na que se lle rinde homenaxe ao recentemente desaparecido Kenneth Anger, figura chave do cine experimental e afeccionado ao ocultismo, un aspecto que recolle a imaxe deste ano do certame representada por catro cartas da baralla do tarot: o mago, a forza, os namorados e a roda da fortuna.

INPUT

En 2017, a Fundación Luis Seoane e o (S8) Mostra de Cinema Periférico poñen en marcha INPUT, un espazo de titorización e asesoría de proxectos cinematográficos en desenvolvemento. Desde entón, a Fundación acolle esta propuesta que se presentará o mércores 5 de xuño e que este ano contará coa participación da cineasta Annalisa D. Quagliata, as artistas Francisca Durán e María Ruído e a comisaria cinematográfica Oana Ghera. Os proxectos seleccionados nesta edición son En un meandro de Raffaella Rosset, Pakoré Werà, de Manuel Mateo, Urgencia de mediodía de Daniela Delgado Viteri e Nombrar nuestra casa de Bárbara Guerrero González.

Desbordamentos

O xoves 6 de xuño, a sección Desbordamentos traerá ao patio da Fundación a proxección da película Latitude Mesh (2024) da artista visual canadense Agnès Hayden, un proxecto escollido na pasada convocatoria de BAICC – Residencia Artística Internacional de Creación Cinematográfica 2023/24 promovida polo (S8) xunto a AC/E e o LIFT. De seguido, a realizadora peruana Nicole Remy intervirá coa performance en Super 8 e 16 mm Con cierta luz, e tras ela chegará o apartado Sinais – Desbordamentos dedicado ás formas do cine expandido e á film performance, que acollerá as propostas do colectivo saruxceci (Saru Miras + Ceci Romero), Lo que no se ve, Sin Ti Tulo y El movimiento que desplaza las líneas (2023).

O venres 7 de xuño programaranse 4 pezas da cineasta nacida en Singapur e radicada en Londres Lynn Loo: End Rolls (2009) e Autumn Fog (2010), dúas das súas primeiras creacións, nas que explora distintos materiais de película analóxica e procesos levados a cabo en diversas partes do proxector; e as performances fílmicas Washi MM (2017) e Asa No Ha (2024), en curso de realización.

Finalmente, o sábado 8 de xuño, a obra da cineasta francesa Gaëlle Rouard protagonizará unha sesion na que a artista intervirá en directo tres das súas películas: Holy Rotors (2016), Unter (2011) e Les Noces Rompues (2014).

Para ver a programación completa e sedes do (S8), pulsa aquí