Radio Boga

O célebre programa Recordando a Galicia, animado pola locutora arxentina de orixe galega Maruxa Boga, volverá ás ondas este sábado na Fundación Luis Seoane grazas a un espectáculo de radio en vivo a cargo do centro galego de música popular aCentral Folque. Este espazo radiofónico de referencia, no que a música e a música e cultura galegas eran as protagonistas absolutas, acadou uns niveis de audiencia excepcionais, converténdose ao longo dos seus 30 anos en antena nun referente fundamental para a comunidade galega na diáspora.

O espectáculo Radio Boga recrea, a través da estrutura dun programa de radio, a lareira onde se cociñaron as músicas de ida e volta da emigración, o pensamento político da segunda metade do século XX, a arte, a divulgación e a crítica. Afondando nas figuras da locutora e actriz Maruxa Boga e do artista, escritor e divulgador cultural Luis Seoane, a xornalista María Xosé Porteiro, como unha Maruxa Boga dos nosos días, será a encargada de guiar o programa, no que participarán a poeta Yolanda Castaño, a directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira, a artista plástica Luz Darriba, o actor e dramaturgo Manuel Lourenzo, o investigador Xesús Blanco e o bailarín Quique Peón. A parte musical estará a cargo da cantora Ugia Pedreira, do dúo poético-musical de Marina Oural e Chefa Alonso e do gaiteiro Óscar Ibáñez.

O evento será gravado en formato de podcast e se pendurará posteriormente na rede, á disposición dos usuarios que desexen escoitar en diferido esta Galicia que se move por un océano de versos, tintas, pinturas e pensamentos.

A entrada é libre ata completar capacidade.

Actividades actuais

Somos o que lemos
/
Actividade
Grupo de Estudos
Transición ecosocial e desexo
/
Actividade
Lugares de novela: Uruguai
Obradoiro de literatura
/
Actividade